San Sadurniño abre o prazo de inscrición nas actividades do día internacional da eliminación da violencia contra a muller
A primeira delas será o II Encontro de Autoprotección ante a violencia de xénero, co que se busca que as mulleres participantes aprendan a xestionar positivamente situacións de risco. O obradoiro mostrará distintas técnicas que axudan a manter controlada unha situación potencialmente perigosa, pero tamén -chegado o caso- como facer para defenderse e poder pedir axuda inmediatamente.
Habitualmente asóciase a violencia de xénero exclusivamente coa violencia física. Pero, ademais de grave, a cuestión é moito máis complexa xa que o maltrato físico case sempre vai precedido e acompañado dun constante maltrato psicolóxico. Ás veces comeza cunha mala contestación á que non se lle dá importancia. Pouco a pouco as malas palabras van indo a máis e con máis frecuencia, dándolle paso pouco a pouco aos insultos e a outras vexacións verbais.
A violencia verbal é case sempre a luz ámbar dun semáforo que ameaza con cambiar a vermello. Antes de que o faga -ou se xa o fixo- o mellor é denunciar o maltrato. Hai varias formas e unha das máis rápidas é chamando ao 016, un teléfono de axuda inmediata completamente gratuíto que non deixa rastro na factura do teléfono.
Para participar no obradoiro de autodefensa haberá que inscribirse previamente nas oficinas de servizos sociais ou preguntando no 981 490 027 pola Técnica de Igualdade. A clase desenvolverase o sábado 23 entre as 10 e as 13h. e impartirana docentes especializados en psicoloxía e en defensa persoal. Ao remate da sesión haberá unha xuntanza de todo o grupo para xantar e compartir experiencias.
Paralelamente ofrecerase como medida de conciliación un taller de coeducación e igualdade, no que terán preferencia os fillos e as fillas de entre 6 e 14 anos das mulleres asistentes ao encontro. Poderán inscribirse outros rapaces e rapazas sempre e cando cumpran o intervalo de idade. Para a impartición do obradoiro precisarase un mínimo de 6 inscricións e contarase cun máximo de 15 prazas dispoñibles.
Na organización destas actividades colabora a Asociación APICO, que promove a igualdade e a coeducación.
O mesmo sábado 23 tamén se presentará publicamente o II Plan para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes aprobado recentemente polo Concello. A finalidade deste acto -que terá lugar na casa da Cultura entre as 17 e as 18.30h.- é achegar á poboación os obxectivos que pretende alcanzar o municipio en materia de igualdade de cara aos próximos catro anos. O acto está aberto a todos os públicos.
Un concurso literario e contos en feminino
Para o luns 25 de novembro está previsto entregar os premios do II Concurso de relatos promovido pola área de Educación e Igualdade entre os escolares de San Sadurniño en colaboración co profesorado do CPI. O certame busca concienciar a rapazada sobre a prevención, sensibilización e/ou reivindicación na loita contra a violencia machista cara as mulleres. Precisamente serán eses os aspectos que se valorarán á hora de conceder os premios para os tres mellores relatos, ademais da súa orixinalidade e a súa eficacia comunicadora.
O concurso vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria e todos os traballos presentados exporanse na Casa da Cultura do Concello dende o día 15 ao 25 de novembro.
Como actividade previa á entrega dos premios, o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria gozará de “Contando en feminino” ou, o que é o mesmo, historias contadas desde a perspectiva de xénero e a igualdade, onde o rol feminino non sexa o tradicional na narrativa, senón un papel igualitario que pode facer mudar o final do conto. A actividade desenvolverase entre as 12.30 e as 13.30h. na casa da Cultura.











