San Amaro xa forma parte da Ruta de Cemiterios Europeos
O alcalde, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que o cemiterio municipal de San Amaro entrou a formar parte da Ruta de Cemiterios Europeos (European Cemeteries Route), o que supón un paso definitivo no recoñecemento mundial da singularidade histórica e arquitectónica do camposanto máis antigo de Galicia.
Carlos Negreira destacou que o cemiterio de San Amaro é unha das prioridades do Goberno municipal. Ademais de traballar para situalo “no mapa internacional” a través da Ruta de Cemiterios Europeos, o alcalde explicou que o Concello ten en marcha un plan de rehabilitación do cemiterio, un investimento de 700.000 euros que inclúe, entre outras actuacións, un taller de emprego para mellorar as instalacións e obras de accesibilidade, reforma e recuperación do camposanto, proxectos que terán continuidade nos presupostos municipais do próximo ano con novas partidas económicas. “O cemiterio de San Amaro é un patrimonio desta cidade irrenunciable e que nos permite reforzar o noso ADN coruñés”, engadiu o alcalde.
Negreira recordou que o pasado ano, con motivo do bicentenario de San Amaro, o cemiterio ingresou na Asociación Europea de Cemiterios Significativos (Association of Significant Cemeteries in Europe – ASCE), o que supuxo un primeiro e necesario paso para formar parte da Ruta de Cemiterios Europeos. Para a súa inclusión na Ruta de Cemiterios Europeos, o Concello remitiu á ASCE abundante documentación:
. Un vídeo sobre a historia do cemiterio, elaborado pola Concellaría de Medio.
. O libro editado o pasado ano pola Fundación Emalcsa con motivo do bicentenario.
. O plano-guía editado este ano por Turismo da Coruña e a Deputación da Coruña.
. Un folleto informativo de Turismo da Coruña sobre as visitas guiadas ao cemiterio.
A ASCE eloxiou a calidade do material presentado pola Coruña, así como as iniciativas levadas a cabo polo Concello en torno ao camposanto, e tras realizar esa valoración, acordou admitir a San Amaro na citada ruta europea.
A Ruta de Cemiterios Europeos constitúe unha das principais actividades que desenvolve a ASCE. Creada en 2001, a ASCE é a rede europea de organizacións que se dedican á preservación e presentación dos cemiterios como unha parte importante do patrimonio cultural. Así mesmo, aumenta a concienciación dos cemiterios como unha parte importante de cada cidade (reflicten a súa historia, arquitectura, cultura e xente ao longo do tempo).
Para lograr o devandito propósito, a asociación céntrase en:
– Compartir experiencias e boas prácticas.
– Cooperar para protexer, restaurar e asegurar o coidado e mantemento dos cemiterios.
– Aumentar a concienciación dos cidadáns europeos sobre a importancia dos cemiterios significativos.
A día de hoxe forman parte da ASCE uns 179 cemiterios pertencentes a 22 países, entre os que destacan os de cidades como Porto, Bilbao, Barcelona, París, Lyon, Londres, Dublín, Roma, Nápoles, Milán, Florencia, Atenas, Berlín, Hamburgo, Belgrado, Zagreb, Cracovia, Bucarest, Estocolmo, Goteborg, Vilnius ou San Petersburgo.
Pola súa banda, a Ruta de Cemiterios Europeos (European Cemeteries Route) é unha proposta única para a promoción turística e patrimonial desenvolvida pola ASCE e que foi recoñecida en 2010 como Ruta Cultural do Consello de Europa (Cultural Route of the Council of Europe).
Hoxe en día, a Ruta de Cemiterios Europeos conta con 58 membros de 20 estados diferentes, formando polo tanto un club máis exclusivo dentro da ASCE. A ruta constitúe unha experiencia cultural que busca poñer en valor o gran patrimonio funerario europeo ao establecer lazos entre estados e rexións e, polo tanto, contribúe á cohesión territorial europea mediante unha nova experiencia de colaboración transnacional. Na Ruta destacan cidades como Viena, Saraievo, Zagreb, Tallín, Berlín, París, Atenas, Dublín, Florencia, Bolonia, Roma, Oslo, Estocolmo, Londres, Liverpool, Cracovia, Porto, Bucarest, Belgrado, Ljubliana e Maribor. Esta ruta ofrece o coñecemento dos cemiterios tanto aos visitantes locais como forasteiros que estean interesados en exploralos como espazos de recreación onde conflúen pasado, presente e futuro.
Os cemiterios integrantes desta dispoñen dunha insignia identificativa por formar parte da ruta e están presentes na web da ASCE (http://www.significantcemeteries.org/), debendo ademais desenvolver anualmente polo menos unha das seguintes actividades:
– Investigación científica: participar con expertos locais e internacionais en investigación de cemiterios.
– Actividades educativas, como guías turísticas educativas ou proxectos escolares.
– Eventos comúns, como exposicións fotográficas co mesmo título ou visitas guiadas coa mesma temática.
– Proxectos con contido promocional común.
O certificado de Ruta Cultural do Consello de Europa foi creado polo Consello de Europa en 1987 e premia a aquelas rutas que promoven a divulgación dos valores culturais e sociais europeos, tales como os dereitos humanos, a cultura da democracia, a diversidade cultural e identitaria, o diálogo, o intercambio mutuo e o enriquecemento a través das fronteiras e dos séculos.











