“Salseiro” e “Patacón” proclámanse líderes provisionais do Trofeo Comodoro da Coruña
O pasado fin de semana, o Real Club Náutico da Coruña celebrou a primeira xornada do TROFEO COMODORO para a clase Cruceiro e o comezo das Series de Outono para J80.
Na xornada do sábado os J80s puideron completar 3 probas tipo barlovento – sotavento, cun vento estable do nordés. Bo comezo para o “J-Bliss” dos irmáns Zapata, patroneado nesta ocasión por Marcos Míguez, que se impuxo nas tres probas celebradas, mentres que a loita pola segunda posición está moi disputada cun triplo empate a 9 puntos, entre a “Fazula” patroneada por Francis (4-3-2), “Miúdo” de Carlos López (2-4-3) e o “Bastiagueiro” de Eduardo Regueira (3-2-4).
O domingo amenceu, cunhas condicións moi similares á xornada do sábado, con vento do nordés aínda que con menor intensidade e un mar algo máis tranquilo. A saída deuse ás 13.00 horas, para completar un percorrido de 18 millas náuticas virando unha baliza en Ferrol e outra na entrada do Porto de Lorbé para os barcos grandes, mentres que os de menor eslora completaban o mesmo percorrido pero sen virar en Lorbé, o que lles acurtaba 4 millas. Boa saída do “Salseiro” de Manuel Blanco e do “Machichaco” de José Quintero. Ao paso pola baliza da “Guisanda” xa se situaban na cabeza o “Salseiro” e o “Gómez” de Andrés Soto, con eles navegaba o “Argos” patroneado por Ricardo Beltrán, pero un problema coa driza da vela maior obrigábaos a retirarse. Tras virar a baliza de Lorbé, a longa empopada de volta cara a Coruña serviulle ao “Salseiro” para sacar unha lixeira vantaxe ao “Gómez” e gañar a proba en tempo real e tamén en compensado, un minuto por diante do “Gómez” que sería segundo en tempo compensado, o terceiro clasificado sería o “X-Grog” de Ricardo Vara e 4º clasificado o “Machichaco” de José Angel Quintero.
Este fin de semana celebrarase a segunda desta regata.











