“Salseiro” e “Patacón” afiánzanse no liderato do Trofeo Comodoro da Coruña
O pasado fin de semana, o Real Club Náutico Da coruña celebrou a segunda xornada do TROFEO COMODORO para a clase Cruceiro e das Series de Outono para J80.
O sábado os J80s puideron completar 3 probas tipo barlovento – sotavento, cun vento estable do nordés. O “J-Bliss” dos irmáns Zapata, patroneado por Marcos Míguez, non deu opción aos seus rivais e impúxose en dúas das tres probas celebradas, vencendo a clasificación xeral con 5 puntos (1-1-1-1-1-2), en segunda posición da xeral situábase o “Miúdo” de Carlos López con 10 puntos (3-2-4-2-2-1), mentres que en terceira posición se colocaba o “Kakako” de Caco Vilariño con 21 puntos.
O domingo a clase Crucero puido gozar dunha boa regata cun vento do nordés e un pouco de mar na baía coruñesa. No momento da saída os mellores situados foron o “Salseiro” de Manuel Blanco, e o “X-Grog” de Ricardo Vara, mentres que na clase de menor eslora, a loita entre o “Patacón” de José Ubago e o “Argallán” de Domingo Plana se prolongaba durante toda a proba. A regata consistiu nunha longa cinguida de 8 millas ata o Mourón na entrada da ría de Redes, para despois navegar en empopada de volta a Coruña.
En ambas as dúas categorías a vitoria estivo moi traballada, o “Salseiro” conseguiu sacarlle dous minutos ao seu inmediato perseguidor o “Gómez”, e en clase 3-4, o “Patacón” facía o mesmo co “Argallán”.
A falta dunha proba que se celebrará este domingo, a clasificación da clase 0-2 vai liderada polo “Salseiro” de Manuel Blanco, por diante do “Gómez” de Andrés Soto en 2ª posición, e un empate no terceiro posto entre o “X-Grog” de Ricardo Vara e o “Machichaco” de José Angel Quintero. En clase 3-4, o “Patacón” de José Ubago mantén o liderado por diante do “Argallán” de Domingo Plana, e en terceira posición situábase o “O Raposo” de Jaime Carreras.











