Rozalén ofrece un concerto acústico na Ágora acompañada dunha intérprete da lingua de signos
A Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández informa de que mañá, venres 22 de novembro, Rozalén chega ao centro Ágora da Coruña, ás 21.30 horas, cun concerto acústico e o seu particular espectáculo Música para los ojos. Estará acompañada por Beatriz Romero, especialista en interpretación da lingua de signos.
Rozalén cantaba e interpretaba dende moi pequena as cancións que a súa nai e a súa avoa lle ensinaban, recitaba poesías e recibía as súas primeiras clases de baile. Empezou a compoñer cancións aos 14 anos e o seu primeiro concerto como cantautora deuno recén cumpridos os 16 anos. Dende ese momento non deixou de compoñer e actuar por todo o territorio nacional. Sempre estivo disposta a ofrecer a súa voz e as súas cancións a calquera acto benéfico. Rozalén presenta un concerto acústico e sinxelo. A extraordinaria peculiaridade que achega esta actuación é a implantación da lingua de signos, representada por Beatriz Romero (técnico especialista en interpretación da lingua de signos), que achega a música a todas aquelas persoas xordas que por desgracia non poden gozar da música da mesma forma.
Música para los ojos é un proxecto musical que está a ter un grande éxito en todos os lugares onde se está a representar, facendo que a música sexa accesible para todos por igual. O concerto tamén está preparado con lingua de signos para ser entendido noutros países, con connotacións e signos específicos da lingua de signos de cada lugar.
O concerto de Rozalén será mañá na Ágora, ás 21.30 horas. As entradas pódense adquirir por 15 euros, máis gastos de xestión, de xeito anticipado; e a un prezo de 18 euros no despacho da Ágora. As entradas pódense comprar polas canles habituais:
– Despacho Central da praza de Ourense: de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas. (Pagamentos en efectivo).
– Despacho da Ágora: día da función, dende unha hora antes. (Pagamentos en efectivo).
– Televenda: 902 504 500 – www.servinova.com











