Ribadumia pon en marcha talleres de animación á lectura para nenos na biblioteca municipal
O Concello de Ribadumia abre o prazo de inscrición para participar nos talleres de animación á lectura que se van organizar na Biblioteca Municipal. As actividades estarán destinadas para nenos e nenas de ata 10 anos, que se organizarán en varios grupos segundo as súas idades. As persoas interesadas poden anotarse no Concello de Ribadumia, en horario de 08:00 a 15:00 ata o xoves 5 de decembro.
Os obxectivos son espertar o pracer dos nenos e das nenas pola lectura; que coñezan os recursos que existen na biblioteca municipal; que tomen conciencia da importancia dos libros como fonte de entretemento e de información; espertar a imaxinación e a fantasía introducindo aos nenos noutros mundos reais ou fantásticos; e que aprendan a valorar, respectar e coidar o material da biblioteca.
Partindo da narración e interpretación de contos, desenvolveranse unha serie de actividades que xirarán en torno á temática tratada. Os talleres desenvolveranse os venres, cunha duración de 60 minutos para cada grupo.
Estes talleres de animación á lectura completan a oferta de actividades extraescolares que o Concello de Ribadumia pon a disposición dos nenos e nenas do municipio. Xa están en marcha as escolas deportivas de xadrez, judo, patinaxe, tenis, tenis de mesa e baloncesto. Os talleres de animación á lectura comezarán en decembro.











