Rey Varela advirte a Navantia que non consentirá unha nova reconversión naval con perda de capacidade produtiva e emprego
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, esixiu á dirección de Navantia en Madrid “explicacións inmediatas ante as contradicións existentes” sobre o proceso de adxudicación de catro gaseiros para Repsol e Gas Natural aos que opta a compañía pública. Ao respecto, Rey Varela dixo sentirse “atónito ante á indefinición sobre a adxudicación destes pedidos e ante a falta de carga de traballo” ; e solicitou formalmente aos presidentes da SEPI e de Navantia información sobre o estado en que se encontra o proceso de contratación dos gaseiros aos que opta a compañía naval pública.
Ademais, Rey Varela defendeu a capacidade de traballo e profesionalidade do persoal dos estaleiros da ría ferrolá, e recriminou ao presidente de Navantia polo feito de “permitirse faltar sobre a produtividade dos empregados dun dos dez mellores estaleiros do mundo”. “Debería mirar a súa produtividade e a da súa cúpula directiva, xa que soamente hai unha incompetencia superior á de non conseguir este contrato, e é a incompetencia de non transmitilo á opinión pública”, engadiu o primeiro edil de Ferrol. Neste sentido, o rexedor municipal apuntou que no caso de confirmarse que se perdeu o contrato dos gaseiros “o presidente de Navantia tería mentido a todos os ferroláns e entón pasariamos a falar de responsabilidades políticas”.
Por último, Rey Varela manifestou que “non consentirei unha nova reconversión que supoña diminuír a capacidade produtiva e o emprego”, e apuntou que “estarei sempre do lado dos ferroláns, como así fixen dende que teño a responsabilidade de representar a todos os veciños e veciñas desta cidade”. Nesta liña, indicou que, como alcalde de Ferrol, participará nos mecanismos de presión que considere axeitados para cambiar a situación do sector naval.











