Reparto de puntos entre O Esteo e o Azkar Lugo B

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+

O Azkar Lugo B sumou un novo empate en liga e fíxoo o pasado sábado cando visitou a pista do O Esteo (3-3). Os lucenses foron mellores no primeiro periodo, o que lle permitiu mandar por dous goles ao descanso e o único negativo era o gol dos coruñeses a menos dun minuto para o intermedio. No segundo periodo os locais mostráronse superiores ao filial lucense, pero aínda así no tramo final e con todo por decidirse, a escadra pronista a punto estivo de levarse os tres puntos.

O primeiro periodo foi dos mellores dos lucenses. Monopolizaron a maioría de ocasións nos primeiros vinte minutos e iso permitiulles mandar con solvencia, primeiro cun tempraneiro gol de Jose López e no tramo final da primeira parte con dous novos goles que poñían ao filial do Azkar cun claro 0-3, chegando o segundo gol en superioridade tras expulsión de Gerardo. Pero os lucenses tamén vían como antes do descanso Rubén Mouriz era expulsado por dobre amarela e aínda que os azuis defenderon ben sen encaixar gol durante os dous minutos de inferioridade, tras recuperar ao seu quinto home e a segundos do descanso, chegaba o 1-3 para o O Esteo.

Tralo gol dos locais e o paso polos vestuarios, o partido cambiou e os coruñeses fixéronse coa posesión do balón xerando ocasións nos minutos iniciais. Cando o filial do Azkar volvía recuperarlle o pulso ao partido, chegaría o 2-3 nunha rápida contra dos ponteses. O partido tolearía por momentos, os pronistas a punto estaban de ampliar a vantaxe tras un par de ocasións claras, pero a falta de cinco minutos para o final, un erro dos lucenses era aproveitado polos locais para facer o 3-3. Na recta final do choque e coas táboas no luminoso, primeiro os locais puideron levarse o partido, pero tamén o Azkar B xa que a cinco segundos do final Javi Río fallaba nun man a man co meta local. Reparto de puntos que pareceu non deixar contento nin a ponteses nin a lucenses.

Ficha técnica:
O Esteo 3:
Chotto, R. Paz, Bolly, Gerardo e Franin, -cinco inicial-, Gerve, Héctor, D. Pellón e Pelu.
Azkar Lugo B 3: Illi, Manu, Rubén Mouriz, Asier e Javi Río, -cinco inicial-, Jose López, Cancio, Cabanas, Adrián e Cristian.
Árbitros: Manteiga Rodríguez e Remeseiro López (A Coruña). Amonestaron con tarxeta amarela a Gerardo, David, Bolly, R. Paz e Héctor (O Esteo) e a Cancio (Azkar B). Expulsaron con vermella directa a Gerardo (O Esteo) e por dobre amarela a Rubén Mouriz (Azkar B).
Incidencias: 8ª xornada de liga no grupo I da 2ª división B. Pavillón Municipal As Pontes.
Goles: 0-1 min. Jose López, 0-2 min. 17 Cancio, 0-3 min. 18 Javi Río, 1-3 min. 20 Héctor, 2-3 min. 26 Bolly e 3-3 min. 34 R. Paz.

O Azkar Lugo B recibirá este próximo sábado desde as 20:00 horas no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo ao Arlequín.

18 de novembro de 2013 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.