Rematan as obras de mellora das instalacións do campo de fútbol de Paiosaco
Concluíron as obras de mellora das instalacións do campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco. Esta mañá o alcalde, José Manuel López Varela, o responsable técnico da Deputación Provincial da Coruña, o director do proxecto e o representante da empresa contratista asinaron a acta de recepción das obras por parte do Concello da Laracha unha vez comprobaron que os traballos xa están rematados.
O proxecto desenvolvido, no que a Deputación Provincial da Coruña e o Concello da Laracha investiron a suma total de 50.000 euros, mellorará o confort dos usuarios da infraestrutura en diferentes zonas da mesma.
A parte da actuación máis destacada e vistosa foi a ampliación da zona dos vestiarios coa creación dunha nova sala cuberta de 86 metros cadrados de superficie. Este novo espazo, situado xunto á cantina, foi dotado con amplas cristaleiras, permitindo a vista completa do terreo de xogo. As condicións desta nova sala permitirán que poida ser utilizada para diversos usos, xa sexa como local de reunións dos equipos ou sala de espera especialmente deseñada para que os pais dos nenos poidan resgardarse das condicións climáticas adversas durante a actividade deportiva.
Na zona das bancadas realizáronse dúas actuacións dirixidas a mellorar as condicións térmicas e favorecer o benestar dos espectadores. Por unha parte, instaláronse sobre o formigón 250 asentos plásticos de respaldo baixo. Ademais cubriuse o espazo existente entre as columnas para cortar o paso do vento.
Por último, as taquillas quedaron integradas ao completo no interior do recinto, abríndose unha ventanilla cara esa zona e instalándose unha cuberta no seu frente.
No campo de fútbol municipal A Porta Santa desenvolven a súa actividade ao completo o primeiro equipo e as categorías inferiores da U.D. Paiosaco. Actualmente tamén adestra neste campo o Club do Mar de Caión. Ademais, a instalación acolle campionatos e actividades organizados desde o propio Concello da Laracha.











