Rematan as obras de mellora da rúa Castelao de Bueu que contaron cun investimento de 120.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Bueu

Cores Tourís na visita a Bueu

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá Bueu para comprobar o remate das obras de mellora e reforma da rúa Castelao que teñen como obxectivo a potenciación do comercio local deste municipio.

No acto estivo acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial e polo portavoz do PP na localidade, Manuel Santos.

Recordou Cores Tourís que esta obra, que tivo un investimento de arredor dos 120.000 euros, puido executarse grazas ao interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en prol da revitalización do comercio de proximidade. “A obra está practicamente rematada”, explicou o delegado territorial, “xa que hoxe están a colocar o mobiliario urbano e como, moi tarde mañá, estará todo listo”.

Este interese traduciuse nunha liña de axudas á que se acolleu Bueu para a execución da mellora deste contorno, que supuxo a humanización da zona comercial da rúa Alfonso Castelao, dende a rúa Pazas Fontela ata a rúa Canibelos, para favorecer a eliminación de barreiras e a circulación dos potenciais consumidores, fomentando así as compras no comercio local.

O proxecto presentado polo municipio rolda os 120.000 euros, dos cales, o 75% (algo máis de 90.000 euros) foi achegado pola Administración autonómica. Entre as melloras que supuxo este investimento atópase a mellora do espazo peonil, o incremento do ancho da beirarrúa, reducindo así a calzada rodada e reordenando a área de estacionamento. Tamén se renovará a rede de abastecemento de auga, as canalizacións pluviais, as comunicacións e o alumeado público.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, engadiu o delegado territorial. “Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.

A orde de axudas á que se acolleu o concello de Bueu conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros que a Consellería de Economía e Industria destinará á mellora de investimentos en mercados e en infraestruturas comerciais da provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total destinado á comunidade autónoma”, explicou Cores Tourís.

28 de novembro de 2013 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.