Remata a execución dos proxectos de mellora dos camiños municipais de Ames nos que se investiron 140.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A pasada semana remataron as obras de mellora e asfaltado do camiño que vai dende Bertamiráns ata a Ponte de Lapido pasando polo lugar da Barreira. Esta era a última obra que estaba pendente de executar de todos os proxectos de pavimentación e mellora de vías e accesos que se executaron no municipio con cargo ao financiamento do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña correspondente ao 2013. O investimento que se fixo nestas obras achégase aos 140.000 euros. Deste xeito, a xestión levada a cabo polo Concello e o esforzo realizado neste eido fixo posible que se axilizase a posta en marcha destas obras do POS, que en anos anteriores levaron unha tramitación máis prolongada.

Durante a pasada semana executáronse os últimos traballos de mellora dos camiños municipais que estaban incluídos no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña de 2013. A empresa Martínez Montes e Hijos SL, adxudicataria destes proxectos, estivo realizando as obras de mellora na capa de rodaxe do camiño Bertamiráns-Barreira-Ponte de Lapido. Deste xeito remátanse todas as obras de mellora de viarios e camiños municipais que foron sufragados a través do POS 2013. Nestas actuacións investíronse 139.820 euros.

A través do POS 2013 sufragáronse un total de dez proxectos que consistiron na mellora de varios camiños municipais. Deste xeito, executáronse os traballos de mellora na capa de rodaxe nos camiños Capeáns-Igrexa de Covas e no interior do lugar de Paraxó. Tamén se incluíu neste proxecto a pavimentación do Camiño da Rosaleda, no que se procedeu á súa pavimentación con doce centímetros de grava e posterior triplo tratamento asfáltico co obxectivo de mellorar o seu estado. Estas obras contaron cun orzamento de 53.542 euros. As obras nestas zonas, situadas nas parroquias de Covas e Ortoño, permitiron unha mellora do firme.

Tamén se destinaron un total de 31.617 euros á mellora na capa de rodaxe do camiño no cruce Insua-Novais-Gasamáns, camiño Galiñeiro, interior de Pedras, Camiño de Castelo e interior en Castelo. Estas actuacións, nas parroquias de Agrón e Ames, permitiron mellorar o estado no que se atopaban estas vías como consecuencia da instalación do alcantarillado. Os traballos consistiron na aplicación de tratamento asfáltico, no rego e selado da plataforma e, ademais, executouse a apertura e limpeza de gabias e a limpeza de salvagabias.

Por último, adxudicáronse por un total de 54.661 euros as obras de mellora na capa de rodaxe do camiño Bertamiráns-Barreira-Ponte de Lapido e no camiño Igrexa-Campo de fútbol-A Tarroeira (Ortoño). Durante o pasado ano realizáronse actuacións en diversas parroquias e atopouse que o firme destas estradas estaba en estado defectuoso, polo que se facía necesario actuar sobre elas. En ambos camiños mellorouse a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado, reparáronse as fochancas e dóuselle un tratamento asfáltico semiprofundo, e posterior pintado de bordes, aparcamentos e sinalización. Tamén se realizou a apertura e limpeza de gabias.

25 de novembro de 2013 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.