Reforzo ao emprego, o comercio coruñés e a promoción turística da cidade herculina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A tenente de alcalde de Emprego, Empresa, Comercio e Turismo, Luisa Cid, presentou esta mañá os presupostos municipais da súa área para 2014, unhas contas que reflicten o compromiso do Goberno local na súa loita contra o desemprego, en dinamizar o tecido comercial da cidade e en promover A Coruña como destino turístico de primeiro nivel, obxectivos marcados a principios do mandato de Carlos Negreira e que o próximo ano continuarán sendo unha prioridade para o equipo de goberno.

O departamento que dirixe Luisa Cid incrementa o seu presuposto o próximo ano nun 8%, ata alcanzar os 8,6 millóns de euros, para reforzar as accións e programas dirixidos a combater o desemprego e desenvolver políticas activas de emprego, ademais da continuación e posta en marcha de proxectos incluídos no Pacto Local polo Emprego, “onde continuaremos traballando con máis de 20 entidades da cidade para buscar solucións”, subliñou a edil.

Formar aos desempregados para incrementar as súas posibilidades de inserción laboral continuará sendo, polo tanto, unha das máximas preocupacións da área de Emprego e Empresa, que no ano 2014 destinará á formación polo emprego un total de 867.535 euros.

INNOVACIÓN E EMPRENDIMIENTO

A innovación e o apoio aos emprendedores será outra das grandes liñas de actuación do próximo ano e traducirase en convenios coa Universidade por importe de 140.000 euros. A tenente de alcalde indicou que ambos os dous acordos permitirán impulsar a cultura emprendedora e continuar cos estudos de innovación iniciados durante este exercicio coa introdución de axentes de innovación nas empresas.

Cid recordou ademais que á marxe das partidas directas da súa área, tres de cada catro euros do presuposto municipal do próximo ano inciden de forma directa no emprego e na actividade económica a través do gasto social, dos investimentos en obras e de programas de dinamización dos barrios, ao tempo que sinalou que durante 2014 se destinarán 188 millóns de euros para colaborar na xeración de postos de traballo.

Luisa Cid incidiu na importancia da colaboración institucional para lograr este obxectivo e precisou que entre Estado, Xunta e Concello, en 2014, se investirán máis de 300 millóns de euros na cidade, millóns que van a incidir no emprego mediante a execución de grandes infraestruturas, o mantemento e mellora dos barrios e a mellora dos servizos públicos que repercutirán na creación duns 3.600 postos de traballo directos e case 2.000 indirectos, estimou a responsable de Emprego e Empresa.

Neste sentido, engadiu que o Concello “investiga constantemente onde hai oportunidades de emprego” e recordou que, pese á fin das subvencións europeas para programas específicos de formación, “o Goberno local segue poñendo a mesma achega e seguirán eses cursos” para facilitar a inserción laboral.

CONVENIOS CO COMERCIO

Tamén o apoio ao comercio coruñés terá de novo gran protagonismo nas contas municipais cunha achega municipal de case un millón de euros. Así, haberá unha partida de 700.000 euros para o Plan de Dinamización Comercial, con accións dirixidas á promoción e apoio do comercio coruñés, con actividades e campañas consensuadas co sector e deseñadas coa finalidade de incrementar a actividade dos seus negocios e de dinamizar os barrios da cidade.

Os presupostos da área de Emprego e Empresa reservan tamén outros 141.000 euros a convenios cos comerciantes. Trátase de liñas de axudas dirixidas a impulsar o comercio local e cuxa distribución se fará, como é habitual, de forma igualitaria entre as entidades con representación no sector, incluídas a federación provincial e local “para que todas as áreas comerciais da cidade estean cubertas”, precisou Luisa Cid.

En canto aos mercados, San Agustín recibe 200.000 euros do presuposto, partida que se destinará a executar a segunda fase do plan de rehabilitación, mellora e modernización da praza de abastos. Ademais, o Concello continuará coa súa política de modernización e de mantemento das prazas de abasto, que recibirán para este último fin un total de 387.043 euros en 2014. Neste sentido, Luisa Cid afirmou que todas as accións previstas continuarán coa folla de ruta trazada en exercicios anteriores: consolidar o mercado tradicional coruñés e promover a marca de calidade e de excelencia das prazas para incrementar as súas vendas e animar os cidadáns e turistas a visitar e comprar nos mercados.

PROMOCIÓN TURÍSTICA

A promoción turística da cidade continuará sendo un dos grandes retos do Goberno local, un dos seus principais eixes de acción. Por iso, o próximo ano a achega municipal ao Consorcio de Turismo será de 4,54 millóns de euros, un 30% máis que en 2013, ao tratarse dun elemento crave dentro das accións de goberno: dinamizar e promover a cidade tanto a nivel nacional como internacional para seguir obtendo, entre outros obxectivos, un retorno económico que beneficie a todos os sectores, dende a hostalaría ata o comercio.

Por último, no que respecta a Consumo, o Concello mantén o próximo ano a súa aposta polas campañas informativas e polos cursos de formación no seu empeño por conseguir que os consumidores estean ben informados. Deste modo, o presuposto que xestionará a Oficina Municipal do Consumidor (OMIC) sobe ata os 63.000 euros -un 14,5% máis que en 2013-, dos cales 48.000 se destinarán a campañas informativas (o que supón un incremento do 20% respecto ao exercicio anterior) e 15.000 euros a estudos e traballos técnicos.

12 de novembro de 2013 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.