Recupéranse 600 topónimos históricos da parroquia de San Martiño de Borreiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+

O vindeiro sábado 30 de novembro ás 12:30 horas no Centro Cultural de San Martiño de  Borreiros serán presentados nun ac to público os resultados da recollida dos nomes dos lugares da parroquia. O proxecto que permitiu a recuperación de 600 topónimos foi desenvolvido polo Instituto de Estudos Miñoranos  grazas á colaboración de 34 informantes locais e contou co apoio do Concello de Gondomar.

Durante o encontro o arqueólogo Xosé Lois Vila explicará o proxecto de recuperación dos nomes dos lugares que está a impulsar o IEM en acordo con distintos colectivos socias e administracións públicas. A continuación Anxo Rodríguez Lemos, técnico de campo encargado da recollida, dará conta dos resultados nunha presentación que incluirá unha cartografía confeccionada en soporte dixital, xunto cunha serie de dispositivos que facilitarán a súa utilización para fines científicos ou divulgativos os que serán accesibles a través das  webs oficias do Concello de Gondomar e o IEM.

Latino Rodríguez Areal (CC de MM de Borreiros) e “Lito da Pousa” (AA de VV de Borreiros), achegarán as súas impresións sobre o proxecto no marco dos traballos de posta en valor do rico patrimonio cultural da parroquia que ambos os dous colectivos desenvolven no territorio. Neste senso se proxectarán algúns vídeos que recollen lendas, oficios tradicionais e a explicación dalgúns nomes de lugares vencellados á historia de Borreiros que tamén estarán incluídos nos soportes para divulgación.

A presentación dun  “Caderno de Campo” da recollida e máis a transcricións de documentos históricos relativos á parroquia, completarán o acto que  pechará coa intervención do alcalde de Gondomar, Fernando Guitián Guitián.

29 de novembro de 2013 | 11:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.