Récord histórico de inscritos na Carreira San Martiño de Ourense con 11.000 corredores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesOurense
A-
A+

A 37 edición da Carreira San Martiño, organizada polo Consello Municipal de Deportes e a Concellería de Deportes do Concello de Ourense, vén de acadar o récord de inscritos na súa historia, superando os 11.000 corredores. Así, un total de 5.789 adultos, 3.596 nenos nados entre 1997 e 2004, e 1.693 cativos nados a partir de 2005 formalizaron a súa inscrición, nunha proba que por primeira vez terá tres categorías.

A saída da popular proba, unha das citas deportivas máis importantes de Galicia, terá lugar o domingo a partir das 11 h. para a categoría absoluta (10.000 metros), ás 12:30 h. para o circuíto de escolares (4.700 metros), e ás 13 h. para a categoría de pitufos (1.400 metros).

A recollida de chips e dorsais será o venres día 15, entre as 16 e as 20 h., e o sábado día 16, de 9 a 20 h na cancha central do Pavillón dos Remedios.

Campaña quilo-metro

Unha das novidades deste edición será a celebración da campaña “quilo-metro”, que consiste no reto de donar un total de 10.000 quilos de alimentos non perecedeiros (garavanzos, fideos, leite, aceite, azúcar, conservas, chocolate, galletas..) ao Banco de Alimentos. Para completar este reto, tódolos ourensáns que o desexen (sen necesidade de atoparse inscritos na proba) poden colaborar aportando este tipo de alimentos os días 15, 16 e 17 de novembro no Pavillón dos Remedios, paralelamente á celebración da Feira do Corredor.

12 de novembro de 2013 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.