Recoñecemento ao establecemento pontevedrés A Moda Dabaixo na “Semana do teu comercio”
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, distinguiu esta tarde a traxectoria de A Moda Dabaixo, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
Esta iniciativa, que a Consellería de Economía e Industria achega aos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o labor dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, a proximidade e a innovación que os caracterizan. Este é o caso de A Moda Dabaixo, un negocio que, como salientou Vázquez Abeal, ten a súa orixe en 1896, e polo que xa pasaron catro xeracións.
Coa campaña “A semana do teu comercio”, a Consellería reafirma o seu compromiso co comercio galego como sector clave para a reactivación económica das vilas e cidades galegas. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria ten concedido apoios por preto de 2 millóns de euros para o impulso de accións de dinamización do comercio de proximidade nos CCAs e nas asociacións das prazas de abastos, sendo o Centro Comercial Urbano Zona Monumental un dos beneficiarios, con máis de 33.000 euros. No acto, Sol Vázquez subliñou a importante labor do CCA, que desenvolve un papel fundamental na dinamización comercial, social e cultural do casco histórico de Pontevedra.
A Consellería de Economía e Industria suma preto de 3,5 millóns de euros destinados no que levamos de ano ao impulso do asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia integral de apoio ao comercio de proximidade. Así, ademais do programa para CCAs e asociacións de prazas de abastos, veñen de resolverse axudas por máis dun millón de euros para federacións de comerciantes e asociacións de ámbito supramunicipal, e está en marcha un acordo de colaboración coa Federación Galega de Comercio.











