Recoñecemento á traxectoria do establecemento ferrolán Óptica Martínez Pardo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a subdirectora de Comercio, Marta López, distinguiron esta mañá a traxectoria de Óptica Martínez Pardo, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista o Centro Comercial Aberto A Magdalena, na cidade de Ferrol. No acto tamén estiveron presentes os concelleiros da área de Economía, Alejandro Langtry e Martina Aneiros, e unha representante do CCA.

Esta iniciativa, que a Consellería de Economía e Industria achega aos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o labor dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, a proximidade e a innovación que os caracterizan.

Este é o caso de Óptica Martínez Pardo, un negocio que, como salientou Do Campo, iniciou a súa actividade en 1898, hai 115 anos, e que ao longo do tempo se foi adaptando aos gustos e preferencias dos consumidores. José Martínez Pardo foi o impulsor deste negocio, onde nos seus inicios, aparte de lentes, tamén se vendían máquinas de coser e reloxos. Neste establecemento tamén se ofreceron os primeiros audífonos que chegaron a Ferrol. A día de hoxe, a cuarta xeración consecutiva en liña directa desta familia estase a facer cargo do negocio, achegando xuventude e novos coñecementos.

Coa campaña “A semana do teu comercio”, a consellería reafirma o seu compromiso co comercio galego como sector clave para a reactivación económica das vilas e cidades galegas, impulsando o asociacionismo, promovendo a incorporación das TIC, ou apoiando aos concellos na renovación das infraestruturas comerciais.

29 de novembro de 2013 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.