Recoñecemento á traxectoria de Confitería Madarro
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delega da Xunta en Lugo, Raquel Arias, distinguiron esta tarde a traxectoria de Confitería Madarro, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista o Centro Comercial Aberto Lugo Centrum.
Esta iniciativa, que a Consellería de Economía e Industria achega aos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o labor dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, a proximidade e a innovación que os caracterizan.
Este é o caso de Confitería Madarro, un negocio que, como salientou Vázquez Abeal, iniciou a súa actividade en 1891, hai 122 anos, e que ao longo do tempo se foi adaptando aos gustos e preferencias dos consumidores, con produtos elaborados de forma totalmente artesanal.
Coa campaña “A semana do teu comercio”, a Consellería reafirma o seu compromiso co comercio galego como sector clave para a reactivación económica das vilas e cidades galegas, impulsando o asociacionismo, promovendo a incorporación das TIC, ou apoiando aos concellos na renovación das infraestruturas comerciais.











