Recoñecemento á labor da Mancomunidade Arousa Norte na xestión de recursos provinciais en proxectos de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asistiu esta mañá á presentación dos proxectos levados a cabo pola Mancomunidade Arousa Norte, formada polos concellos de A Pobra, Boiro, Rianxo e Ribeira, durante o período 2011-2013 e grazas ás axudas provincias e da Consellería de Traballo e Benestar.

A esta presentación asistiron tamén o director xeral de Traballo, Odilo Martiñá, e os alcaldes de Boiro, Juan José Dieste; Rianxo, Adolfo Muiños; e Ribeira, Manuel Ruiz Rivas. Por parte do Concello da Pobra asistiu o tenente de alcalde Manuel Fontao.

Segundo explicou durante o acto a xerente da Mancomunidade, os proxectos de formación financiados pola institución provincial, a maioría deles dentro do eido dos servizos sociais e a formación de cara á inserción laboral, participaron máis de 350 persoas e contaron cun investimento da Deputación de preto de 112.000 euros.

Diego Calvo asegurou que a Mancomunidade de Arousa Norte, en funcionamento desde o ano 1974, conta “cun proxecto de futuro”, e salientou a boa xestión realizada por parte da entidade supramunicipal coa xestión dos recursos que obtiveron tanto da administración provincial coma a autonómica.

“Neste proxecto vese que están asentadas as bases primordiais polas que debe pasar o traballo das administracións públicas municipais: a cooperación, a racionalidade, as boas prácticas e a colaboración”, asegurou Calvo.

O presidente tamén destacou a capacidade da mancomunidade de adaptarse á realidade da comarca “sabendo entender que a principal necesidade dos seus catro concellos era a falta de traballo”.

Calvo insistiu, sobre todo, na colaboración e coordinación tanto entre os concellos que forman a mancomunidade como entre o persoal da mancomunidade e os traballadores municipais, de xeito que “acadamos o obxectivo de complementarnos, sumar esforzos e non solaparnos”.

Ademais, falou de que “é precisamente esa colaboración e esa forma de traballar a que defendemos desde a Deputación”, e puxo como exemplo as Comunidades Intermunicipais de Servizos Consorciados impulsadas desde o ente provincial ou o apoio decidido á fusión de Oza e Cesuras.

“Hai moitos xeitos de xestionar recursos de forma conxunta, e todos son válidos sempre que funcionan e consigan o obxectivo de facer máis con menos, como sucede nesta Mancomunidade de Arousa Norte”, explicou o presidente provincial, que insistiu en que o fin último de calquera tipo de asociación ou colaboración é “satisfacer as necesidades dos cidadáns”

No relativo ao traballo da Deputación, Diego Calvo lembrou o “importantísimo esforzo” que se está a realizar para incrementar ano a ano as partidas destinadas a manter intactos os servizos sociais básicos para os 93 concellos da provincia e tamén para poder axudar, a través das diferentes liñas de subvencións, á posta en marcha de iniciativas empresariais ou ao fomento do espírito emprendedor en proxectos de cooperativismo.

14 de novembro de 2013 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.