Reafírmase o compromiso co labor solidario do Banco de Alimentos Rías Altas
A concelleira de Benestar Social, María Castelao, visitou as instalacións do Banco de Alimentos Rías Altas no Polígono do Tambre en compañía de José Pita responsable do Banco en Santiago e presidente da Federación Galega de Bancos de Alimentos, e de Carlos Tomé, tesoureiro da devandita Federación. María Castelao expresou o seu recoñecemento ao labor que realiza o Banco de Alimentos. Neste sentido, afirmou que o Concello é consciente das cada vez maiores necesidades que ten esta entidade para atender ás familias nestes momentos. De aí que este 2013 se incrementara a subvención ao Banco de Alimentos en 2.000 euros, quedando finalmente nos 12.000 euros. Recentemente asinouse o convenio que fai posible esta achega municipal.
Pola súa parte, José Pita apuntou que o Banco de Alimentos Rías Altas, dende a súa sede en Santiago –ten outra na Coruña- outórganse alimentos, a través das diversas entidades sociais, a unhas 3.200 persoas no municipio e arredores. En Galicia, dixo, o Banco de Alimentos atende a 100.000 persoas. Agradeceu ás entidades que colaboran co Banco e, á cidadanía en particular, animounos a participar nas campañas de recollida de alimentos que se realizan puntualmente.
Banco de Alimentos Rías Altas
O Banco de Alimentos Rías Altas é unha organización benéfica sen ánimo de lucro, cuxo fin é a consecución gratuíta de alimentos de todas clases, para logo realizar a doazón e distribución destes de xeito gratuíto, entre entidades benéficas legalmente recoñecidas, dedicadas á asistencia e coidado directo de persoas necesitadas no ámbito xeográfico da provincia da Coruña. Conta cunha sede en Santiago de Compostela e outra na Coruña.
Nel traballan de forma habitual voluntarios, a maioría profesionais xubilados, que prestan os seus coñecementos de xestión, capacidades técnicas e manuais, de forma altruísta, ao igual que decenas de colaboradores en accións puntuais.
O Banco de Alimentos Rías Altas é membro da Federación Española de Bancos de Alimentos, que agrupa na actualidade a máis de 50 Bancos de Alimentos de toda España e, a través dela, é membro tamén da Federación Europea de Bancos de Alimentos.











