Proposta do convenio para desenvolver actuacións conxuntas a prol da Ribeira Sacra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, remitiu hoxe ao seu homólogo da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, a súa proposta de convenio de colaboración para desenvolver actuacións conxuntas que permitan acadar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade da Unesco. Este acordo inclúe tamén a participación no convenio do Valedor do Pobo e do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra -que agrupa a 21 concellos desta contorna de Lugo e Ourense-, entidades que xa amosaron a Manuel Baltar o seu apoio para a candidatura e ás que tamén se lles remitiu hoxe o devandito convenio de colaboración.

Manuel Baltar, na carta enviada hoxe a Gómez Besteiro ao Valedor e ao presidente do Consorcio da Ribeira Sacra, propón que o acto de sinatura do convenio se realice antes do 15 de decembro no emblemático mosteiro de San Pedro de Rocas, no corazón mesmo da Ribeira Sacra.

O convenio recolle nas súas cláusulas que o obxecto do mesmo é colaborar no desenvolvemento das actuacións necesarias para presentar ante o Centro do Patrimonio Mundial da Unesco a proposta de inscrición da Ribeira Sacra (Lugo e Ourense) para a súa declaración como Patrimonio Mundial. O convenio terá unha duración que estará vencellada temporalmente á presentación ante o Centro do Patrimonio Mundial da Unesco da proposta de inscrición da Ribeira Sacra de Lugo e Ourense para a súa declaración como Patrimonio Mundial.

As achegas económicas dos asinantes do convenio, así como, no seu caso, das institucións e entidades público-privadas que se sumen a este documento, serán fixadas pola comisión mixta de execución e seguimento, e no que atinxe ás adhesións, o documento sinala que ten “carácter aberto”, polo que será remitido aos gobernos autonómico e estatal para que, se o estiman oportuno, se adhiran ao mesmo. Do mesmo xeito, o convenio tamén estará aberto a posibles adhesións de máis entidades públicas ou privadas.

Para o bo desenvolvemento das actividades obxecto do convenio establecerase unha Comisión Mixta de Execución e Seguimento, integrada por representantes de cada unha das entidades asinantes do convenio, á que corresponderá a concreción, execución, seguimento, interpretación e avaliación das accións derivadas do convenio.

As funcións da Comisión de seguimento serán o cumprimento do convenio; concretar, seguir, interpretar e avaliar as accións derivadas do mesmo, así como adoptar ou propoñer as medidas necesarias para garantir o exercicio coordinado das competencias de cada unha das partes.

O convenio terá vixencia dente o día seguinte á súa formalización e manterase ata o día 31 de decembro do 2013, prorrogándose por anualidades naturais, agás renuncia de calquera das partes antes do seu termo, ou do termo de cada unha das prórrogas, comunicada formalmente cunha antelación de quince días naturais.

Este convenio supón, en palabras de Manuel Baltar “un paso máis cara o obxectivo marcado de acadar a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco para a Ribeira Sacra, e a fortaleza do proxecto está na unión, na cooperación entre institucións e entidades e no traballo conxunto que entre todos fagamos para lograr este obxectivo”.

Afirma o presidente provincial que este traballo “desenvolverase nos ámbitos institucionais, científico e medioambiental, tantos nos aspectos técnicos como políticos e de relacións institucionais, para destacar a singularidade desta fermosa contorna de Galicia, que conta con grandes fortalezas e oportunidades dende os puntos de vista natural, turístico, económico, histórico e cultural”.

15 de novembro de 2013 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.