Programación cultural en Dodro para a segunda quincena novembro
O Concello de Dodro ofrece unha ampla programación para a segunda quincena do mes de novembro con diferentes actividades para todas as idades.
Hoxe venres celebrarase un Magosto popular na praza da Casa da Cultura a partir das 19:30 h para todos os veciños no que haberá xogos populares, a actuación da Requinta de Xián e castañas e chourizos para todos os veciños.
O venres día 22 teremos teatro para todas as idades coa obra presentada polo grupo Colexio La Salle “ A outra historia de Carrapuchiña Vermella. Será ás 20 h na Paxareira.
Con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero os concellos de Padrón, Rois e Dodro farán unha concentración con lectura de manifesto o domingo día 24 na Praza de Macías en Padrón ás 12h, ao que se convida a participar a toda a poboación.
Tamén con motivo da celebración deste día, o Concello de Dodro inaugurará un monumento conmemorativo o luns 25 de novembro ás 12 h na praza do concello.
Ese mesmo día ás 18 h as/os nenas/os terán contacontos relacionados coa temática na Casa da Cultura ás 18 h.
En colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico o concello organiza o día 28 unha charla informativa aberta a toda a poboación dentro da campaña de sensibilización específica de peóns para concienciar á poboación dos atropelos e fomentar o uso dos chalecos reflectantes. A charla terá lugar nas aulas da Paxareira ás 20 h.
Continúase coas xornadas de respiro dentro do programa Amodiño.Dodro/2013 coa saída ao balneario termas de Cuntis o venres 29 de novembro. As inscricións realizaranse no departamento de servizos sociais ata o 26 de novembro.
A programación da segunda quincena de novembro remata cunha “Noite no Luar” o venres 29. Poderán asistir ao programa Luar da TVG que se emite en directo todos/todas aqueles veciños/as maiores de 15 anos. A saída será ás 18:30 h da praza do concello para regresar sobre a 1:30 h aproximadamente. Inscricións no departamento de servizos sociais ata o 22 de novembro.
Todas as actividades son gratuítas agás a xornada no balneario que ten un custe de 13,50€ por persoa.
Infórmase á poboación de que xa está en marcha un ano máis o proxecto solidario de recollida de xogos e xoguetes. Poderán entregarse no departamento de servizos sociais de 9 h a 14 h.