Profesionais do ámbito social analizan a aplicación do Sistema de Intervención Integral en Casos de Violencia de Xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O CIM da Mancomunidade de Ordes mantivo hoxe unha nova xuntanza de traballo cos profesionais das áreas englobadas dentro do seu Sistema de Intervención Integral en Casos de Violencia de Xénero. Un proxecto que ten como principal obxetivo combater este tipo de violencia e abordar os casos que se presenten do xeito máis efectivo para todas as partes,  e que xa lle valeu o premio Coopera por parte da Xunta de Galicia. Na orde do día o principal punto no que se traballou foi a adaptación da guía da Xunta sobre prevención e intervención de violencia doméstica en persoas maiores á comarca de Ordes.

Nesta ocasión os asistentes á xornada foron os traballadores e técnicos do ámbito social dos sete concellos da Mancomunidade, isto é traballadores sociais e educadores familiares. Tamén acudiron membros do CIM, entre os que se atopaban a súa directora e a súa psicóloga, Nazaret González e Dolores García, respectivamente. Unha vez máis Manuel Regos, actual presidente da Mancomunidade, quiso estar presente para darlles a todos a benvida e amosarlle o seu ‘apoio incondicional a este proxecto que aportará moito e axudará a aquelas persoas que precisen del’. No seu turno de palabra Regos asegurou que ‘é o traballo que se está a realizar nas áreas sociais a mellor carta de presentación e o mellor aval para xustificar a necesidade e a importancia de mancomunidades como a de Ordes’ presentando este tipo de proxectos ‘como un dos pilares máis importantes sobre os que se debe fundamentar a intención de mancomunar  e unificar servizos, sobre todo nos tempos que atravesamos’. Unhas palabras de ánimo e un pulo que o presidente quiso brindarlles especialmente aos traballadores destas áreas, en clara alusión á idea por parte do Goberno Central de trasladar as súas competencias e funcións ao ámbito das Deputacións naqueles  municipios con menos de 20.000 habitantes.

Xa de cara á vindeira semana celebraranse as dúas últimas mesas de traballo deste tipo, nas que se convocará a traballadores e profesionais das áreas de seguridade e do ámbito sanitario.

21 de novembro de 2013 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.