Primeiro tempo para a épica, segundo para a lóxica e todo un partido para gozar entre Mecalia Atl. Guardés e Zvezda Zvenigorod

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaDeportes
A-
A+

Iso é o que sucedeu na Sangriña o día 17. Coa eliminatoria practicamente decidida, e a afección da súa parte, saíu o Guardés decidido a vender cara a súa pel, e con sacrificio, rigor defensivo e acerto en ataque, logrou manter a raia a todo un equipazo, o ruso, que o superaba de sobra en físico, en técnica, en experiencia e en fondo de banco. Moitos hándicaps para as guardesas que se mantiveron toda a primeira parte, con alternancias no marcador, chegando ao descanso cun meritorio empate a 13 tantos.

Gran primeira parte polo tanto, onde a afección vibrou con intensidade e a presión da bancada encolleu a man das rusas, que de seguir así, vían comprometido o resultado do encontro.

O paso polo vestiario veu a cambiar as cousas. O equipo ruso, de seguro que tras unha gran reprimenda de Alexander Revva, saíu cunha nova actitude e puxo en marcha a súa poderosa maquinaria, mentres o Mecalia sufriu un baixón de efectividade ( non marcou ata o minuto 8) perdendo moitos balóns en ataque e facilitando unha das mellores armas das visitantes, o seu letal contragolpe.

Agora impoñíase a lóxica, e pouco a pouco o equipo ruso foi abrindo brecha.

Manu Etayo, xa tiña en mente dar minutos a todas as xogadoras, coa intención de manter o máis íntegras posibles as forzas de cara aos dous compromisos ligueiros desta semana, o mércores en Barakaldo contra o Zuazo e o sábado na Sangriña, o derby contra o Porriño, e así foi dando entrada a todas as xogadoras, a excepción de Amit que levaba toda a semana con molestias nunha cadeira.

Aínda así, as locais mantivéronlle a cara ao encontro e nunca baixaron completamente os brazos, pero non lograban contrarrestar con eficacia as accións das visitantes que empregaban con efectividade as súas armas atacantes; Velocidade nas transicións, o contragolpe e o lanzamento exterior, con verdadeiras canoneiras que perforaban de forma inapelable a portaría guardesa, defendida nesta metade por Irene.

A afección, entregada xa dende antes do inicio do encontro, non cedeu no seu ánimo nin un só segundo, tributando ao finalizar o partido unha emocionante e agradecida homenaxe ás súas xogadoras, que foron as artífices de que puidésemos gozar aquí na Sangriña dun balonmán de primeiro nivel europeo.

Tarde que deberá inscribirse con letras de ouro na historia do deporte guardés, a visita dun dos mellores equipos femininos de balonmán de Europa, ou o que é o mesmo, do mundo.

Estrelas como Sidorova, Postonova, Antonova, Lobach e outras cinco internacionais máis, evolucionaron e tiveron que suar na Sangriña para vencer ao Atlético Guardés, primeiro equipo do balonmán feminino galego que logra acceder a unha competición europea.

Finalizado o encontro, en rolda de prensa, o adestrador ruso, expresou a súa admiración e envexa pola afección guardesa e confesou, que nunca vira algo parecido en ningunha parte. Tamén expresou o seu convencemento de que o noso equipo, loitando así e con este apoio da bancada, ten aberto un amplo horizonte de futuro, onde poderá chegar a alcanzar metas significativas.

Parabén a todos, xogadoras, técnicos, directivos, socios e afeccionados en xeral.

18 de novembro de 2013 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.