Preséntase o IV taller ‘Aprendendo a emprender’ de fomento do autoemprego
O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, acompañado polo presidente da Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA), Alfonso Salazar, presentou esta mañá o IV taller Aprendiendo a emprender que a entidade poñerá en marcha entre os días 18 e 28 de novembro en colaboración co Concello da Coruña.
“Este taller está dirixido ás persoas que cren no autoemprego e no emprendimiento como unha alternativa real non só para o desenvolvemento persoal e profesional senón tamén para xerar emprego e buscar alternativas”, destacou Mourelo e engadiu: “O pulo e a iniciativa son as grandes fórmulas para afrontar a crise”.
Neste sentido, o curso está destinado a maiores de 18 anos que teñan un proxecto de empresa e queiran analizalo ou desarrollaro; ou que, sen que desenvolvesen ningún plan de empresa, busquen información para saber por onde empezar e cada un dos pasos a levar a cabo. O obxectivo do taller é que os participantes, a través de relatorios prácticos e con casos reais en primeira persoa, valoren e coñezan cales son os seus puntos fortes e oportunidades que lles permitan emprender novos proxectos de negocio.
O taller Aprendiendo a emprender arranca o próximo 18 de novembro e ofertará 25 prazas por ciclo, coa idea de que se repita ao longo do ano. Desenvolverase ao longo de oito sesións, de catro horas cada unha, de 16.00 a 20.00 horas, nas que se desenvolverá o seguinte programa:
1. Quero emprender… E agora que?
2. Os primeiros pasos dun negocio.
3. Emprender só ou en compañía.
4. Mercadotecnia. Imaxe de marca.
5. Vender e negociar.
6. Vender na rede.
7. O diñeiro para emprender.
8. Intelixencia emocional.
Os talleres serán impartidos por membros de ASCEGA, empresarios e profesionais de distintos ámbitos. Unha vez finalizado o taller, seleccionarase un proxectos aos que se lles asignará un equipo para que poidan poñelos en marcha.
Aprendendo a emprender conta coa colaboración da Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude, a través do CMIX, e da Concellaría de Emprego e Empresa. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 12 de novembro en www.coruna.es/nex. O taller, que se desenvolverá na Ágora, é totalmente gratuíto.











