Preséntase a campaña ‘PMUS, barrio a barrio’ do Plan de Mobilidade Urbana Sostible
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, presentou a campaña PMUS, barrio a barrio do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, unha nova iniciativa de participación cidadá que levará a cada un dos barrios os obxectivos do PMUS. “Queremos reforzar a implicación cidadá para conseguir unha mellor mobilidade e invitar a todas as persoas a que acheguen ideas para itinerarios e situacións concretas que coñecen moi ben porque viven o día a día do seu barrio e da súa cidade”, sinalou Freire.
Esta iniciativa engade outro paso a toda a estratexia de divulgación e participación cidadá do PMUS: estudos demoscópicos; enquisas a pé de rúa, on line e telefónicas; dinámicas de grupo; páxina web e redes sociais; ou reunións con entidades, colectivos e axentes sociais.
“Esta campaña tamén se impulsou pola boa acollida das accións levadas a cabo con ocasión da Semana Europea da Mobilidade ou o grande interese polos itinerarios peonís (Camiña Coruña) e ciclistas (Pedalea Coruña); así como o obxectivo que simbolizan e a necesidade de intensificar todas as accións orientadas a trasladar a cara amable da mobilidade, é dicir, a mobilidade sostible”, indicou Freire.
Así, tomando como punto de partida a concienciación e sensibilización cidadá, preténdese dar resposta aos veciños a cuestións como para que, por que ou en que consiste un PMUS. “Sabemos -indicou a concelleira- que a suma da implicación de todos, tanto colectivos coma persoas individuais, é a que xera os cambios globais que se necesitan en materia de mobilidade, por iso non se trata dunha campaña máis de participación, aínda que os veciños dispoñerán de novo da posibilidade de cubrir a enquisa, senón que se trata dunha nova canle para que os obxectivos do PMUS se acheguen a cada un dos veciños dos nosos barrios”.
A concelleira engadiu que “os veciños terán ademais ocasión de trasladarnos as súas inquietudes, ideas e propostas concretas e anónimas, relacionadas coa mobilidade do seu barrio e da cidade en xeral, respecto a todo tipo de temas como itinerarios peonís ou ciclistas, de forma que se xere unha tormenta de suxestións de gran valor para contrastar a definición de accións”.
A campaña dará o seu comezo mañá, mércores día 6 de novembro, cun posto na praza de Vigo, que será atendido en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas e que se irá trasladando a diferentes puntos da cidade percorrendo os distintos barrios.
A situación das carpas indicarase na páxina web do PMUS (www.coruna.es/pmus) e en facebook (PMUS A Coruña), “situándose en puntos estratéxicos para que sexa visible e accesible a todas as persoas que saian á rúa”, destacou Freire.
“O importante desta campaña -continuou- é que conta coas achegas de todas as persoas, dende os nenos ata as persoas maiores, que estatisticamente teñen máis dificultades para trasladarnos vía web as súas suxestións e que achegarán un alto valor ao PMUS porque son as que máis se desprazan a pé, as máis vulnerables na vía pública e as que necesitan maior información a pé de rúa, no seu barrio, preto da súa casa”.
Así, a campaña pretende trasladar os obxectivos, alcance e beneficios do PMUS a todos os veciños: “A concienciación e implicación de todos é a alma deste proxecto. Queremos que todos os veciños estean informados e que saiban que este documento estratéxico contará con todas e cada unha das súas achegas”, concluíu.











