Preséntanse en Lousame os traballos feitos por 183 nenos e nenas no proxecto “Engánchate ao bo trato”
Un cento de veciños e veciñas de Lousame déronse cita na tarde noite do domingo na Casa da Cultura para asistiren á presentación dos traballos realizados no proxecto “Engánchate ao bo trato”, no que participaron 183 nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro. A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, destacou a importancia da educación na erradicación da violencia de xénero xa que “estamos convencidos de que a violencia de xénero é unha conduta aprendida empapada de valores culturais machistas e que se pode modificar mediante a intervención educativa, sensibilizando aos rapaces e rapazas sobre o bo trato entre iguais”.
Así, durante as últimas semanas, un total de 183 nenos e nenas (infantil, 2º, 4º e 6º de Primaria e 2º e 4º da ESO) aprenderon comportamentos e valores igualitarios a través de obradoiros como “Cóntame un conto”, “Colorín, colorado o conto cambiado”, “Pon de moda o bo trato”, “O mundo cambiámolo nós”, “Publicidade en positivo” ou “Ti = Eu”. Uns traballos que amosaron na tarde/noite do domingo diante dos seus familiares. “Engánchate ao bo trato” é un proxecto posto en marcha pola Concellería de Igualdade de Lousame en colaboración co CPI Cernadas de Castro, que conta cunha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade e do Fondo Social Europeo.
Manifesto
Por outra banda, a concelleira de Igualdade de Lousame deu lectura hoxe a un manifesto institucional de rexeitamento da violencia de xénero, tralo cal se gardou un minuto de silencio en memoria das vítimas desta lacra social, que nos últimos 10 anos tenlles custado a vida a 696 mulleres en España, das que 33 eran galegas. Silvia Agrafojo estivo acompañada polos traballadores do Concello de Lousame e do centro de saúde, que se uniron á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O manifesto do Concello de Lousame di o seguinte:
Declaración institucional do Concello de Lousame no Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero
Con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, o Concello de Lousame manifesta o seu máis profundo rexeitamento a calquera forma de violencia exercida contra as mulleres.
A violencia, que nas súas distintas formas se exerce contra as mulleres, constitúe a máis clara manifestación das desigualdades que persisten entre mulleres e homes, constituíndo un atentado contra o dereito á vida, á seguridade e á liberdade, á dignidade e á integridade física e psíquica das vítimas e, polo tanto, un obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
As situacións de violencia de xénero requiren unha resposta coordinada, eficaz e interdisciplinar por parte das distintas administracións.
A través da mellora da coordinación interinstitucional e da garantía dos dereitos que o noso ordenamento xurídico recoñece ás vítimas e aos seus fillos e fillas, preténdese alcanzar unha resposta máis eficaz, centrada na prevención da violencia de xénero, unha mellor protección das mulleres e dos seus fillos e fillas e unha atención personalizada que contribúa á súa recuperación integral.
Por iso, resulta imprescindible xuntar todos os esforzos para facer fronte a este grave problema público e social, apelando á unidade de todas as forzas políticas e das Administracións Públicas, contando coa implicación da sociedade no seu conxunto e apoiando o labor das organizacións especializadas da sociedade civil.
Consciente da necesidade de seguir avanzando neste ámbito, o Concello de Lousame reitera o seu compromiso co obxectivo de alcanzar unha sociedade libre de violencia na que as mulleres gocen da dignidade e os dereitos que lles son inherentes, como corresponde a unha sociedade libre e democrática.











