Presentación da revista ADRA e Xeira polo Val Miñor
O vindeiro sábado 16 de novembro terá lugar un encontro aberto do Instituto de Estudos Miñoranos coa Asociación de socios e socias do Museo do Pobo Galego. Ás 10:30 da mañá e tras recibir aos visitantes, terá lugar a presentación de ADRA, anuario cultural da asociación na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda da Feira, 10, baixo, Gondomar). Posteriormente dará inicio unha xeira aberta a todo público por diversos lugares de interese da bisbarra, para cuxa participación é necesario contar con transporte propio.
Presentación de ADRA e Xeira polo Val Miñor
Sobre ás 10:30 h terá lugar o arribo dos visitantes á Aula de Cultura Ponte de Rosas e presentación da revista ADRA. Publicación creada no ano 2005 e que recolle artigos de opinión, investigación e novas de todas aquelas persoas interesadas en contribuír á divulgación do que se fai e traballa en relación coa cultura galega.
Finalizada a presentación comezará unha xeira que visitará en primeiro lugar o Pazo do Conde de Gondomar coa guía do arquitecto Antonio Soliño. O segundo destino do percorrido será o xacemento do Castro da Pedra Moura (Borreiros), na que se sumará como guía o arqueólogo Xosé Lois Vilar.
Ao redor das 14 horas terá lugar un xantar na Tapería Ardora, mais neste caso só poderán asistir aquelas persoas que fixeron a inscrición previa.
Logo do xantar coa súa correspondente sobremesa, visitaremos (outra vez con carácter aberto a todo público), a vila de Baiona, percorrendo o casco vello con destino á Colexiata de Baiona e a igrexa de Santa Liberta. Neste tramo, a arquitecta Rosa Mouriño terá a cargo a guía do paseo. Finalmente e se o tempo o permite, achegarámonos a Baredo ata o monumento que lembra a Volta dos 9.











