Pontevedra acolle unha xornada sobre ruído industrial e a xordeira profesional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organizou no seu centro de Rande (Pontevedra) unha xornada sobre ‘Ruído industrial e xordeira profesional’ co obxectivo de lembrar e, nalgúns puntos, actualizar os coñecementos sobre a agresividade do ruído e o recoñecemento precoz dos seus efectos nocivos, co propósito de mellorar as actuacións preventivas sobre o foco emisor e, nesta xornada en particular, sobre o traballador afectado.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, clausurou esta iniciativa e explicou que o ruído pode afectar á conduta, producir unha perda temporal da audición e, se o seu nivel é o suficientemente elevado, pode ser responsable dun dano permanente no mecanismo auditivo.

A xordeira por ruído é aquela que se orixina a consecuencia de someter ao oído interno a uns niveis de presión sonora excesivamente altos, dando lugar a unha perda de sensibilidade auditiva que, para ser catalogada como profesional, require que os devanditos niveis se dean no ambiente de traballo, sexan consecuencia deste e superen un límite.

De feito, está entre os 10 principais problemas de saúde relacionados co traballo e é o maior risco ocupacional indemnizable, dado o elevado número de persoas que se ven expostas a esta, tendo en conta a existencia de diferentes fontes de ruído, tamén fora do traballo, tales como o tráfico rodado, a asistencia a locais de esparcemento e concertos de música, utilización de auriculares, o deporte con armas de fogo ou o pilotaxe de embarcacións mariñas, entre outros.

Independente das características do ruído hai que considerar as condicións de traballo nas que se desenvolve a actividade laboral, posto que a existencia de substancias químicas tóxicos para o oído, tales como o CO, disolvente, algúns materiais pesados e a presenza de vibracións e frío, actuarían lesionando directamente ao oído ou ben favorecendo o efecto nocivo do ruído.

Quinzá-Torroja salientou que as súas repercusións non afectan unicamente á audición, senón que poden ter efectos cardiovasculares (hipertensión arterial, taquicardia), no rendemento e saúde mental (somnolencia, irritabilidade, cansazo, dor de cabeza, insomnio) e outros como trastornos gastrointestinais ou inmunolóxicos.

Programa de conservación da audición

Co obxecto de conservar a audición dos traballadores expostos ao ruído, é imprescindible establecer, xunto con outras medidas preventivas, políticas de control auditivo sobre estes. En España os traballadores expostos a niveis de ruído superiores a 80 dB deben someterse a un control audiométrico quinquenal. Este control será trienal se o ambiente ruidoso superase os 85 dB.

Nestas avaliacións periódicas debe terse en conta se se produce un cambio significativo do albor auditivo. De acontecer isto, podería existir unha protección inadecuada do traballador que obrigaría a reconsiderar as medidas preventivas tomadas. Para que estes programas teñan unha efectividade real, hai que realizar un seguimento a longo prazo das medidas técnicas adoptadas e dar unha mellor información e adestramento no uso dos protectores auditivos polos traballadores.

8 de novembro de 2013 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.