Ponte Caldelas súmase á renovación do convenio para a retirada de vehículos abandonados na vía pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+

O Pleno do Concello de Ponte Caldelas, que terá lugar mañá xoves, ratificará a renovación do convenio de colaboración para a prestación do servizo de recollida e tratamento de vehículos fóra de uso e que están abandonados en plena vía pública. Esta prórroga estenderase por dous anos, ata o 17 de abril de 2015.

Mediante este acordo, a empresa concesionaria do servizo de retirada de vehículos na provincia de Pontevedra manterá entre a súa zona de actuación ao municipio de Ponte Caldelas quen poderá facer uso de mesmo cando detecte a presenza de vehículos que leven longo tempo abandonados na vía pública e supoñan un foco de contaminación ambiental e visual.

O Concello de Ponte Caldelas estará obrigado, no caso de vehículos abandonados, a proporcionarlle á empresa concesionaria do servizo información e documentación necesaria para proceder a retiralo e poder realizar a súa posterior descontaminación e dalo de baixa en Tráfico. Para iso acompañarase dun oficio da Policía Local ou dun responsable do Concello.

Sempre que sexa posible, o Concello deberá identificar os datos do propietario e se é posible realizará unha fotografía do vehículo, en caso de encontrarse na vía pública. Unha vez que se realice a súa retirada e se tramite a súa baixa definitiva en Tráfico, esta será irreversible.

A Deputación Provincial, a través da empresa concesionaria, recollerá e transportará ata as súas instalacións, por solicitude do Concello de Ponte Caldelas, aqueles vehículos abandonados que se consideren residuo conforme ás disposicións vixentes. Esta retirada farase nun prazo máximo de 15 días dende a súa petición, recollendo a documentación necesaria para proceder á súa baixa definitiva en Tráfico.

Este servizo de retirada non terá custo ningún para o Concello de Ponte Caldelas e a empresa deberá depositar os vehículos recollidos nas súas instalacións durante o prazo máximo necesario para a súa descontaminación, segundo establece a normativa. Tamén terán que someter ao vehículo a procesos de desmontaxe e descontaminación segundo o prescrito no Real Decreto 1383/2002 (art.º 4).

Para Perfecto Rodríguez este é un exemplo de competencia que asume a Deputación como asistencia e apoio a municipios da provincia, en especial os menores de 20.000 habitantes, posto que para estes concellos sería complicado e máis custoso ter un servizo propio de retirada de vehículos abandonados. A posta en marcha deste servizo en 2011, así como a recente posta en marcha do centro provincial de recollida de cans abandonados son claros exemplos de funcións que pode e debe facerse dende as Deputacións.

20 de novembro de 2013 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.