Ponte Caldelas renova a iluminación pública de Buchabad para mellorar a eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez informou que esta semana finalizaron as obras de mellora de eficiencia enerxética consistente na renovación da iluminación pública de Buchabad, que incluíu a instalación de equipos redutores de potencia na iluminación.

A actuación en Buchabad supón a renovación de todas as luminarias porque os novos farois inclúen equipos de eficiencia enerxética, que reducen a potencia a determinadas horas da noite, diminuíndo o consumo. En total colocáronse 67 novas luminarias de 70 W SAP, así como 101 unidades redutoras de consumo, incluíndo tamén 20 unidades para os farois da travesía da estrada.

Trátase dunha actuación similar ás realizadas en anos anteriores noutros lugares do municipio como Chan do Casal, Sobreiro, Aluncía, Caritel, Anceu, Baltar e gran parte da zona urbana.

A actuación ten un presuposto total de 18.300 € que son financiados integramente polo Concello toda vez que este ano non foi posible obter unha subvención do INEGA para esta actuación. Precisamente por ese motivo o investimento municipal non puido incluír máis actuacións.

Con estas actuacións o Alcalde pretende seguir renovando pouco a pouco as vellas instalacións de iluminación pública á vez que se introducen equipos de aforro que mellorarán a eficiencia enerxética. O Alcalde espera que no futuro todas estas medidas redunden na redución da factura correspondente á iluminación pública, que nestes anos alcanza arredor dos 290.000 € anuais tendo en conta as frecuentes subas na tarifa eléctrica. “É un custo elevado que temos que intentar seguir reducindo no futuro con actuacións como estas, que diminúen a potencia a determinadas horas; co obxectivo de non chegar a situacións como sucedeu noutros concellos onde tiveron que apagar ou eliminar farois”.

8 de novembro de 2013 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.