Ponte Caldelas percibiu un investimento de 11 millóns de euros en obras de seguridade viaria nos últimos 5 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investiu nos últimos cinco anos preto de 11 millóns de euros en obras en materia de conservación no concello de Ponte Caldelas. Así o manifestou hoxe a directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Ethel Vázquez, durante a súa intervención na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) levou a cabo no ano 2009 o reforzo de firme e colocación de barreiras na estrada PO-234, que une Ponte Caldelas (PO-532) e Augasantas (PO-235), entre os pq 0+000 e 1+160, no termo municipal.

A actuación completouse coa execución dun pequeno tramo de gabia nunha das marxes e a reposición da sinalización horizontal da vía. No treito de actuación diferenciáronse dúas zonas, tanto polo tipo de vía como polo estado do firme: o treito entre os pq 0+000 e 0+500, no núcleo de Ponte Caldelas, co firme moi deteriorado, onde se formulou unha rehabilitación de toda a calzada e a extensión da nova capa de rodadura, e o comprendido entre os pq 0+500 a 1+160, fóra do núcleo poboado, onde o firme se encontraba en mellor estado, polo que se rehabilitaron zonas puntuais e se reforzou o firme en toda a calzada.

Ethel Vázquez explicou que “hai que ter en conta que a estrada PO-234 presenta unha intensidade de tráfico en torno aos 837 vehículos/día e que non se trata dunha estrada de sinistralidade elevada”. Precisou que “segundo datos do ano 2012 preto do 70% da totalidade das estradas da xunta de Galicia teñen unha IMD máis alta que esta, é dicir, máis tráfico”.

Neste concello pontevedrés outras estradas foron obxecto das melloras de conservación executadas pola Xunta. Trátase de accións como o arranxo da intersección na PO-532, no tramo Pontevedra- Ponte Caldelas; ou o acondicionamento da estrada PO-255, no treito Pontecaldelas PO-250 (Forzáns) e PO-241 treito: Caritel – A Lama, entre outras.

Conservación das estradas

A AXI está a priorizar aquelas actuacións de conservación e mellora de seguridade viaria nos puntos nos que se detectan problemas dende unha visión global das necesidades da rede de estradas da Xunta.

Vázquez subliñou que “a estratexia da AXI é a optimización dos recursos públicos para garantir a conservación e mantemento das estradas. A situación actual de crise económica obriga ás Administracións Públicas a adoptar medidas desta índole co obxecto de blindar os servizos básicos dos cidadáns”. Nesta liña, nos últimos dous anos, 2011 e 2012, o investimento destinado a este fin ascendeu a 122 millóns de euros, actuándose en 30 tramos de concentración de accidentes.

21 de novembro de 2013 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.