Ponte Caldelas iniciará o expediente de expropiación forzosa para instalar a Edar de Buchabade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Pleno do Concello de Ponte Caldelas que se celebrará o xoves, aprobará inicialmente o expediente de expropiación forzosa dun terreo particular para poder construír a EDAR de Buchabade que permitirá poñer en funcionamento o servizo de rede de sumidoiros neste núcleo de poboación. Un acordo coa Comunidade de Montes facilitará que se poida reverter ás arcas municipais o prezo que finalmente se pague ao propietario da parcela para poder situar a depuradora contemplada no proxecto técnico. Trátase dunha parcela de 1.000 metros cadrados, incluíndo 68 metros lineais de muro.

Entre os anos 2008 e 2010 o Concello de Ponte Caldelas leva investidos na construción da rede de rede de sumidoiros de Buchabade uns 250.000 euros. A pesar de ter completadas estas obras, para a posta en funcionamento do servizo, faltaba a construción da EDAR na zona elixida polo proxecto técnico, que se viu atrasado pola falta de acordo coa propietaria dos terreos, a pesar dos intentos realizados pola directiva da Comunidade Veciñal coa propietaria. Agora será o Concello o que exerza a potestade expropiadora para poder adquirir ese terreo.

Hai que ter en conta que dende que se impulsou o saneamento nas parroquias do rural, todas as depuradoras do municipio foron construídas tras negociacións con comunidades de montes ou asociacións de veciños para que puxesen a disposición do Concello de Ponte Caldelas os terreos necesarios para a súa situación. Así por exemplo, as depuradoras de Vilarchán e Gradín instaláronse en terreos de monte comunal porque tecnicamente eran viables eses terreos, mentres que outros casos como as de Xustáns e A Reigosa se constrúen en parcelas adquiridas polas comunidades de montes, sempre buscando a situación idónea de acordo co proxecto técnico.

Así, co fin de evitar que existan agravios comparativos, o Concello de Ponte Caldelas subscribiu un acordo coa Comunidade de Montes de Buchabade grazas ao cal se reverterá ás arcas municipais o custo da expropiación forzosa que se pague polo terreo particular onde se situará a depuradora.

O Concello de Ponte Caldelas prevé que o expediente expropiatorio permita dispoñer dos terreos necesarios para a construción da EDAR no primeiro trimestre de 2014, co obxectivo de incluír esta obra no Plan de Investimentos da Deputación para o próximo ano, e con iso permitir que a finais do 2014 este núcleo de poboación poida poñer en servizo a rede de sumidoiros.

O proxecto de instalación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Buchabade está dotado dun presuposto de 75.700 euros.
No núcleo rural de Buchabade están instalados os colectores para o saneamento de fecais dende o 2010, actualmente sen uso, pois para o seu correcto funcionamento é necesaria a colocación e posta en servizo da EDAR polo que os técnicos urxen a necesidade de instruír o expediente de expropiación forzosa ao non se chegar a un acordo no prezo co propietario do terreo considerado no proxecto técnico para situar a depuradora.

19 de novembro de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.