Ponte Caldelas contará cun parque infantil e outro biosaudable na área recreativa de “O Pío”, en Tourón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

A Vicepresidencia da Xunta acaba de conceder unha subvención de 14.316 euros para a dotación dun parque infantil e outro biosaludable á área recreativa do Pío, próxima ao Centro Arqueolóxico de Tourón (Ponte Caldelas), e que supón unha axuda económica do 80% do importe total do investimento que alcanzará os 17.895 euros.

As obras acometeranse de inmediato xa que tanto o parque infantil coma o biosaludable terán que estar finalizados antes de que remate o presente ano xa que contan cunha subvención europea de fondos Feder, que así o especifica.

O parque infantil terá un peche perimentral en madeira tratada ao igual que os distintos elementos que o compoñen que tamén serán deste material para causar o mínimo impacto visual e permitir un mellor encadre co magnífico ámbito natural no que será situado. Dispoñerá dun bambán de dúas prazas, un tobogán, un xogo con peirao articulado e un balancín, mentres que o biosaludable terá tamén cinco elementos para realizar ximnasia de mantemento e fitness.

Tamén se procederá á renovación do valado de madeira que rodea o perímetro do pequeno estanque de auga alí existente co fin de poñer en valor este lugar anexo ao Centro Arqueolóxico de Tourón, unha zona de especial interese para Ponte Caldelas posto que alí se encontra o maior número de petroglifos dos que dispón este municipio. A área recreativa do Pío é moi utilizada polos participantes en excursións escolares e turísticas que se achegan ata esta lugar para admirar a arte rupestre que atesouran estes montes.

Esta subvención lograda polo Concello de Ponte Caldelas virá a dar cumprimento a un dos compromisos adquiridos polo alcalde Perfecto Rodríguez cos veciños desta zona da parroquia de Tourón tendente a poñer en valor a área recreativa do Pío. Así mesmo, o parque biosaludable virá a completar ao rede destes aparatos existente en todo o municipio e que cada vez é máis demandado pola poboación de maior idade co fin de practicar ximnasia de mantemento e poder facer exercicios de rehabilitación e terapéuticos.

Camiño de San Ramón

Por outra parte, o Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, espera poder atender as peticións trasladadas ao Concello, por diversos representantes veciñais de Tourón, e acometer a mellora do Camiño de San Ramón, que dá acceso á Área Arqueolóxica. Así, o rexedor municipal incluíu esta actuación no Programa de Mellora de Camiños Municipais 2013-14 da Consellería de Medio Rural co fin de acometer as obras antes do verán.

15 de novembro de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.