Ponte Caldelas certifica a súa solvencia económica co pago de facturas no prazo máximo de 30 días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas mantén o seu nivel de solvencia económica acreditada a través do pago de facturas aos seus provedores nun prazo máximo medio de 30 días, tal e como quedou certificado no pasado Pleno celebrado pola Corporación Municipal no que o Alcalde, Perfecto Rodríguez, deu conta aos concelleiros da situación económica a través do informe de morosidade realizado pola interventora municipal referente ao terceiro trimestre e que se remite todos os trimestres ao Ministerio.

Este informe, do mesmo xeito que os anteriores, destaca o esforzo realizado polo Concello no pago aos provedores nun prazo medio de 30 días ou inferior, prazo que se mantén ao longo do exercicio. O Alcalde destaca a contención do gasto e resalta a xestión económica solvente que permitiu ao Concello amortizar, no que vai de ano, uns 200.000 euros da débeda municipal, sen ter que recorrer a novos préstamos, e financiando os investimentos de 2013 con remanente de tesouraría. Ademais non tivo que recorrer nunca aos plans de Pago a Provedores que o Goberno aprobou desde 2011 para Concellos e Autonomías, plans aos que tiveron que acudir moitos concellos españois.

Os préstamos, aos que tivo que acudir no seu día o Concello para afrontar importantes obras de infraestrutura e proxección estratéxica, son asumidos sen quebranto económico, e o actual nivel de solvencia permitiralle seguir amortizando cada ano unha cantidade similar, sen graves problemas nin tensións de tesouraría debido á posición de equilibrio orzamentario que se autoimpone o equipo de Goberno.

Segundo o alcalde Perfecto Rodríguez, “estamos a facer un esforzo para manter o equilibrio orzamentario, algo complicado nestes tempos. Ás veces isto leva algúns incrementos ineludibles de taxas, como ocorrerá co lixo en 2014 para evitar que coa subida de SOGAMA provóquense problemas de desequilibrio orzamentario, cos graves prexuízos que iso levaría na solvencia do Concello e na recepción mensual das transferencias do Estado. Esta circunstancia impediría poder manter os actuais niveis de prestación de servizos como a asistencia social, a colaboración coas comunidades educativas, culturais e deportivas, a atención aos menos favorecidos, a infancia e a terceira idade, ademais do consabido esforzo en infraestruturas e mantemento que leva a cabo desde o propio Concello”.

Perfecto Rodríguez indicou que “como calquera casa ou familia, no Concello tivémonos que amoldar aos efectos da crise, sen deixar de atender as nosas obrigacións cos provedores nin os servizos que prestamos aos cidadáns. Somos conscientes da nova realidade e temos que responder dunha maneira responsable, impóndonos unha xestión económica austera, pensando en non hipotecar o futuro do noso Concello sen perder de vista as oportunidades que se nos poidan presentar para lograr, a través dunha xestión áxil e rápida, o maior número posible de investimentos e actuacións doutras administracións en beneficio dos veciños e veciñas de todo o  municipio de Ponte Caldelas”. Así neste ano estanse realizando algúns investimentos que son financiadas nun 70 ou 80% pola Xunta.

26 de novembro de 2013 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.