Ponte Caldelas amplía a rede gratuíta de acceso a internet via wifi aos centros socioculturais de Forzáns, Chaín e Aluncía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas ampliará aos centros socioculturais de Forzáns, Chaín e Aluncía a rede gratuíta de acceso a internet vía Wifi, a través da tecnoloxía Wimax, antes de que finalice o presente ano. Os veciños destas zonas rurais do municipio poderán beneficiarse do programa PC Wifi que permite que os residentes nestes lugares poidan dispoñer de acceso ás autoestradas da información nos seus locais veciñais.

Estes novos puntos de acceso sumaranse á ampla rede existente no municipio e que dá servizo dende o Centro Cultural de Ponte Caldelas, a Casa do Pobo da Insua, o Centro Cultural Alborada de Caritel, a Casa do Pobo de Cuñas, a Casa do Pobo da Rocha e a Casa do Pobo de Xustáns a gran parte dos veciños destas localidades. Nestes centros instalouse a rede wifi o pasado ano 2012.

A instalación deste servizo de Internet chegará a eses centros a través do proxecto Repoblar que promove a Deputación Provincial de Pontevedra e que permite o acceso a internet sen cable a través da tecnoloxía Wimax.

O Concello de Ponte Caldelas asume o custo da instalación así como o mantemento do servizo e ademais instalará unha rede wifi no interior de cada centro para que os usuarios poidan conectarse gratuitamente a través dun ordenador portátil ou calquera dispositivo móbil do que dispoñan como smartphones ou tablets.

O obxectivo do Alcalde é ir ampliando este servizo a todos aqueles locais públicos das parroquias que reúnan os requisitos para a súa instalación e exista demanda dos seus usuarios.

O CONCELLO FACILITA POR IGUAL E GRATUITAMENTE O ACCESO A INTERNET A TODOS OS VECIÑOS, RESIDAN EN ZONA URBANA OU RURAL

Con esta medida adoptada polo equipo de goberno que preside o alcalde Perfecto Rodríguez posibilítase que os centros socioculturais e casas do pobo existentes nas zonas rurais do municipio poidan funcionar, ademais de como lugares de reunión e de ocio para os veciños, como verdadeiras bibliotecas virtuais nas que os mozos e os maiores poidan realizar consultas e buscar información a través de internet, tal e como xa pode facerse dende hai anos no Centro Cultural de Ponte Caldelas.

Deste xeito, dende o Concello de Ponte Caldelas facilítase o acceso a internet, por igual, de todos aqueles habitantes do municipio, de forma doada e gratuíta, independentemente de que residan nunha zona urbana ou no rural.

NORMAS PARA A UTILIZACIÓN DO PROGRAMA PC WIFI

Paralelamente á instalación deste servizo, o Concello de Ponte Caldelas facilita, a través do seu programa PC Wifi, o acceso a internet de usuarios residentes nestas zonas do rural Pontecaldelano. Así, para ter acceso gratuíto á rede PC Wifi, os usuarios maiores de idade que figuren no Padrón Municipal de Habitantes do municipio de Ponte Caldelas deberán cumprir o correspondente formulario de alta de xeito presencial na Casa do concello achegando o DNI. Unha vez efectuado este trámite facilitaráselle ao usuario o contrasinal válido para o acceso á Wifi do centro cultural correspondente.

No caso dos menores de idade, poderán usar a rede Wifi coa autorización obrigada dos seus pais ou representantes legais empregando o usuario o contrasinal que deberán posuír estes. O Concello de Ponte Caldelas considera que no caso de producirse un acceso ou utilización por un menor, este conta coa correspondente autorización dos seus pais ou representantes legais.

Os usuarios deberán empregar o acceso a internet de xeito dilixente e correcto e comprometéndose a non o utilizar para a realización de actividades contrarias á Lei, á moral, aos bos costumes aceptados e/ou con fins ou efectos ilícitos, prohibidos ou lesivos de dereitos e intereses de terceiros. O Concello de Ponte Caldelas non se fará responsable do incumprimento desta obriga polos usuarios.

15 de novembro de 2013 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.