Ponte Caldelas acometerá o pintado de varias rúas do casco urbán
O Alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez informou que nestes días comezou o pintado da sinalización horizontal de determinadas rúas da zona urbana de Ponte Caldelas. As rúas nas que se realizará o pintado son: R/ México, R/ Brasil, R/ Concepción Areal e a súa prolongación, R/ Valdarrosa, R/ Rosalía de Castro, Avenida de Vigo, Avenida de Galicia, R/ Lepanto, Paseo Manuel Cordo Boullosa, Rúa xunto ao Edificio Sol, R/ Emigrante e Chan da Barcia.
Con esta actuación preténdese mellorar a sinalización e con iso o tráfico na zona urbana da vila posto que nalgúns casos apenas se vía a sinalización anterior.
Esta actuación non lle supón un custo ao Concello posto que foi incluída como mellora na oferta realizada pola empresa que resultou adxudicataria da obra de “Reforma da Avenida de Vigo e ámbito”, que está en plena fase de execución e que tamén se espera que finalice as próximas semanas, antes de comezar a campaña do Nadal.
Así está previsto que, se o tempo o permite, nestas dúas próximas semanas se complete o pintado desas rúas así como tamén o novo pavimentado da Avenida de Vigo, para o cal será necesario realizar puntualmente algunhas restricións de tráfico e aparcadoiro para permitir a correcta execución destes traballos.
Aproveitando estas actuacións vaise modificar a situación dalgúns colectores nalgunhas rúas para posibilitar melloras no tráfico e habilitar algunha praza máis de aparcadoiro.
O Alcalde solicita a colaboración dos veciños para que respecten a sinalización provisional que se vaia fixando nas rúas nas que se vai proceder ao pintado ou á pavimentación, para garantir que os traballos poidan correctamente ser executados.











