Ponte Caldelas abre o prazo de inscripción para o curso de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas abre o prazo de inscrición para participar nun curso gratuíto de prevención de riscos laborais en pequenas explotacións agrogandeiras que se impartirá entre o 18 e o 22 de novembro no Centro Cultural da vila.

Esta actividade enmárcase dentro do proxecto desenvolvido polo Concello de Ponte Caldelas para favorecer a capacitación e incorporación ao mundo laboral das persoas que participan nesta ampla oferta formativa que está a desenvolver durante o último trimestre do presente ano.

O prazo para inscribirse no curso de prevención de riscos laborais en pequenas explotacións agrogandeiras finaliza o próximo día 15 de novembro e as solicitudes deberán ser presentadas na Axencia Local de Desenvolvemento situada na Casa do concello.

O curso, que terá unha duración de 18 horas e que se impartirá en horario de tarde (de 17 a 20:45 horas) no Centro Cultural de Ponte Caldelas xirará entorno a conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, a Lei de Prevención de Riscos Laborais, avaliación de riscos, riscos xerais nas explotacións agrogandeiras, maquinaria agrícola, requisitos legais (ROMA), o tractor e os seus apeiros, manexo de animais e produtos agroquímicos, etiquetaxe, foxas de zurro, manexo de cargas e primeiros auxilios.

CURSO DE COIDADOS DE PERSOAS DEPENDENTES E PACIENTES DE ALZHEIMER

Por outra parte, sinalar que o Concello de Ponte Caldelas acaba de impartir un curso para o coidado de persoas dependentes e pacientes de Alzheimer no que participaron unha vintena de inscritos que analizaron o problema, dende un punto de vista médico-asistencial ata psico-social.

Os asistentes a este curso afondaron sobre as causas do Alzheimer, os síntomas e as medidas paliativas para atender do mellor xeito posible aos enfermos que se ven afectados por esta doenza.

Estes cursos promovidos polo Concello de Ponte Caldelas queren ampliar a oferta formativa que reciben os residentes neste municipio co fin de que as ensinanzas que adquiran poidan servirlles para ampliar os seus coñecementos, mellorar o seu currículo e capacitación e facilitar o seu acceso, nas mellores condicións posibles, ao mercado laboral.

13 de novembro de 2013 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.