Pleno infantil, “Cantajuego” e actividades para os máis pequenos no Día do Neno en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

O Concello de Santiago súmase á celebración do Día Internacional dos Dereitos do Neno, o mércores 20 de novembro, cun pleno infantil previsto para ese mesmo día e cunha xornada de lecer previa o 16 de novembro, que terá como punto forte a presenza un ano máis en Santiago do Cantajuego. A concelleira de Familia e Benestar Social, María Castelao, presentou as actividades previstas con motivo desta conmemoración. Así, o sábado 16 de novembro, o Palacio de Congresos de San Lázaro acollerá dúas sesións, ás 16:30 e ás 19:00 horas, do Cantajuego, co seu espectáculo “A divertirse”. Segundo apuntou a responsable de Comunicación de XADE (Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos), Chelo Suárez, esta é a cuarta vez que o Cantajuego chega a Compostela, convertido xa nun “fenómeno infantil”. Desta vez, ademais, o espectáculo é “diferente” aos anteriores.

As entradas, a un prezo de 24 e 18 euros (dependendo da situación da butaca) poden mercarse a través das canles de venda de Novagalicia Banco: 902 434 443 e entradas.novagaliciabanco.es.

Nesta mesma xornada, o Palacio de Congresos acollerá diversas actividades para os nenos e nenas. Entre as 16:00 e as 19:30 horas, haberá talleres de gobloflexia, reciclaxe, elaboración de pulseiras e chapas, maquillaxe, artesanía, manualidades, contacontos… Tamén durante esas tres horas e medias estarán instalados inchables e os rapaces poderán participar nun xogo de busca do tesouro.

O recinto contará igualmente con mesas informativas de asociacións e entidades de iniciativa social relacionadas cos dereitos das nenas e dos nenos.

Pleno infantil

As actividades con motivo do Día do Neno continuarán o mércores 20 de novembro, ás 11:30 horas, cando se celebrará un pleno infantil. O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañará os nenos dos colexios Peleteiro e La Salle nesta sesión especial, na que poderán ler o manifesto sobre os dereitos do neno sobre o que previamente traballarán nas aulas, coa colaboración de Uniceff.

María Castelao enmarcou estas actividades no esforzo municipal por programar actividades de lecer infantil e familiar. Neste sentido, lembrou a recente celebración do Día da Familia no Multiúsos do Sar. Esta é unha liña na que tamén traballa XADE, segundo indicou Chelo Suárez, que puxo como exemplos o Multixogo das tardes dos domingos en Sar ou os seus campus infantís.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

11 de novembro de 2013 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.