Palas de Rei foi escenario da presentación da curtametraxe “O Mundo sen ti é perfecto”

Presentación da curtametraxe
A presentación dunha curtametraxe elaborada polos rapaces e rapazas do IES do Camiño coa colaboración da ANPA centrou os actos en Palas de Rei na conmemoración do día internacional contra a violencia de xénero.
O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada o Director do IES do Camiño, Andrés Vázquez e o Avogado do Centro de Información á Muller de Palas de Rei, Juanma Insua Santamaría foron os encargados da presentación dos actos en Conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Actos, que estiveron centrados na proxección pública da Curtametraxe: ”O mundo é perfecto sen ti”, elaborado por rapaces e rapazas o IES do Camiño coa colaboración da ANPA. O eixe temático deste curto é a loita contra a violencia de xénero, gravado nas inmediacións do centro escolar, relata unha situación de violencia de xénero nunha relación entre unha parella de adolescentes que cursan estudos no mesmo centro educativo.
A elaboración desta curtametraxe, algo inédito ata o momento, constou de dúas fases: unha primeira, na que se explicou aos participantes conceptos básicos da violencia de xénero e que lles axudaron a diferenciar este tipo de violencia doutras, para posteriormente elaborarse un guión no que se escenificou unha situación relacionada coa violencia de xénero; xa na segunda fase da actividade, tivo lugar a grabación da curtametraxe.
Nos actos do día de hoxe, tamén tivo lugar a lectura do relato: ”A cincenta que non quería comer perdices” e unha representación a cargo do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei.
Todas estas actividades incluense dentro da programación deseñada e organizada polo Centro de Información á Muller de Palas de Rei, dentro da que tamén se encontra: un Obradoiro de Autoestima e Defensa Persoal, dirixido a mulleres, que estes días (22,25 e 29 de novembro) está tendo lugar de 20:00h a 21:00h no Edificio Multiusos de Palas de Rei; unha representación teatral que o pasado domingo 24 de novembro tivo lugar na Casa de Cultura de Palas a cargo de Alentía Teatro “Viaxe ao país da Igualdade”; así como, unha exposición gráfica de ilustracións de diversos artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade que leva por título”Cartas de Amor” e terá lugar no Ies do Camiño do día 11 ao 17 de decembro e estará acompañada de obradoiros explicativos da mostra.











