Ozoaqua, Enxuto, Squid e A Peregrina, primeiros líderes da XV Regata de Nadal Trofeo Comodoro Manuel Nores
Cumpríronse as previsións meteorolóxicas que se daban para este sábado 16 de novembro na primeira proba da XV REGATA DE NADAL – TROFEO COMODORO MANUEL NORES que está a organizar o Real Club de Mar de Aguete para as Clases de Cruceiro ORC, Menores de 23 piés e CLASICOS/EPOCA, xa que o vento de compoñente nordeste estivo sempre presente na Ría de Pontevedra, aínda que con algúns roles e altos e baixos de intensidade que foron dende os 14 nós de media, ata algúns refachos de 26 nós, resultando por iso unha regata francamente difícil e táctica.
Saída puntual ás 13.30 horas para realizar os ORC un percorrido costeiro de 13,1 millas facendo un desmarque en cinguida, unha empopada ata Morrazán, nova cinguida ata Tambo, outra popa fai Los Pelados, novamente cinguida a Tambo e chegada en popa fronte ao club de Aguete, mentres que os menores de 23 piés remataban en Aguete despois do primeiro paso por Tambo, con 9,6 millas de percorrido. Xusto momentos antes da saída houbo un pequeno role de vento cara ao norte que souberon ver moi ben os da BILLA facendo unha moi boa arrancada pola baliza. A chegada á baliza de desmarque situada a unha milla, puxo xa de primeiro ao OZOAQUA en tempo real, posición que non abandonou xa ata o final, aínda que a súa gran vantaxe nos primeiros tramos a dilapidou na última popa ao ter problemas co spi. Tras el moi ben o SEBRALA que foi de máis a menos, ao igual que o YOU-KOUN-KOUN e sobre todo a BILLA, que despois de rachar o spinakker ao final da primeira popa cando ía dominando a proba en compensado, perdeu xa toda opción. E sensacional estivo o ENXUTO que ao contrario dos demais foi de menos a máis e se ergueu finalmente coa vitoria absoluta en tempo compensado e na súa clase onde soamente lle puido seguir o ritmo o MAR DE FRADES que foi quizais o máis regular de todos en todo momento. No grupo C, o SQUID tamén fixo unha moi boa regata gañando esta clase, sendo segundo un magnífico tamén AQUARI, dobregando ambos os dous ao favorito SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS.
E na de menores de 23 piés A PEREGRINA (Puma 23-Carlos Núñez) gañou sen oposición.
Agora a esperar á consecución da segunda proba que será dentro de 15 días, o sábado 30 de Novembro con saída tamén ás 13.30 horas.
As clasificacións técnicas dos primeiros en cada División ORC foi a seguinte,
ORC REGATA:
1º) OZOAQUA (IMX 38 – Juan Pérez Olmedo – CN Combarro)
2º) AGUIEIRA (Sun Oddisey 40 – Celestino Campelo -RCM Aguete) a 5 ´ min. 06 ´ ´ sgs.
3º) YOUKOUNKOUN (Jod 35 – José Segade – CN Portonovo) a 7 ´ 49 ´ ´
4º) SEBRALA 2 (Bavaria 50 – Magin Froiz – RCN Sanxenxo) a 10 ´ 38 ´ ´
5º) MEIXELA (Centurion 47 – Antonio Díaz – CN Combarro) a 28 ´ 18 ´ ´
ORC CRUCEIRO/REGATA:
1º) ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – CN Combarro)
2º) MAR DE FRADES (First 31.7 – Joaquín Carneiro- CN Combarro) a 05 ´ 29 ´ ´
3º) FAÍSCA NEJRA (RO 300 – José Rey – CN Beluso) a 07 ´ 08 ´ ´
4º) BILLA (First 27.7 – Francisco Freire _RCM. Aguete) a 11 ´ 59 ´ ´
5º) QUEN VAI (RO 330 – Laureano Santiago – RCN Sanxenxo) a 41 ´ 44 ´ ´
E en ORC CRUCEIRO,
1º) SQUID (First 235 – Francisco Lusquiños – CN Portonovo)
2º) AQUARI (Oceanis 351 – Luis Malvar – CN Beluso) a 02 ´ 26 ´ ´
3º) SANTIAGO ROMA (Yatlant 24 – Iñaki Carbajo-CN Beluso) a 02 ´ 45 ´ ´
4º) TAYTA (Puma 38 – Francisco Martínez -CN Portonovo) a 14 ´ 06 ´ ´
5º) OLIVER II (Brin de Folie – José Mª Tilve – RCM Aguete) a 29 ´ 25 ´ ´











