“Outono fotográfico” reunirá o traballo de 14 artistas no Centro Torrente Ballester
O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado, presentou esta mañá a actividade “Outono Fotográfico” que se celebrará o vindeiro venres, día 15 de novembro, ás 20:00 horas na Capela do Centro Torrente Ballester. O edil ferrolán estivo acompañado pola fotógrafa Carolina Martínez.
García Hurtado explicou que esta iniciativa consiste na proxección do traballo fotográfico de 14 artistas, entre os que se atopan Iñaki Domingo, Cristina de Middel ou Juanan Requena. “Outono Fotográfico” foi creado hai 30 anos por Benito Losada e está presente en outras cidades de Galicia, Portugal e Brasil. O obxectivo da iniciativa é crear cada ano un espazo aberto a técnicas, temáticas, exposicións tanto individuais como colectivas e enfocalo á dinamización sociocultural. Na última edición de 2012, realizáronse 92 exposicións e participaron 35 institucións con 55 espazos públicos e 37 salas privadas.
Pola súa parte, a fotógrafa Carolina Martínez agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol “por abrirnos as portas por terceiro ano consecutivo”. Así mesmo, sinalou que a proxección fotográfico pertence ao colectivo Fotoaplauso que comezou a súa difusión a través de proxeccións na rúa.











