Ourense denega a solicitude de resolución de contrato da empresa do servizo de axuda a domicilio
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa xuntanza desta mañá denegar a pretensión de Fomento de Construcciones y Contratas S.A. e Corporación LS de Servizos Sociosanitarios S.L. UTE., adxudicataria do contrato de xestión indirecta do servizo de axuda a domicilio de resolver o contrato deste servizo municipal.
A empresa solicitaba resolución do contrato “por mutuo acordo por prestarse menos horas das previstas no pliego”. Recibida a proposta, e recibido o ditame solicitado ao Consello Consultivo de Galicia, o Concello denega a solicitude da empresa porque “non constan razóns de interese público que fagan necesario ou convinte tal resolución”. Argumenta o acordo municipal que “o pliego, que é lei de contrato non sinala un número mínimo de horas obrigatorio a abonar ao contratista fixando soamente o prezo por hora sendo o número de horas unha alea do contrato e sendo este contrato a risco e ventura do contratista”.
Recibido o escrito no que a empresa solicitaba a rescisión do contrato, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordara na súa sesión de 26 de setembro de 2013, someter a ditame do Consello Consultivo de Galicia a proposta de resolución de denegar a pretensión da empresa.
Remitido o expediente, a sección segunda do Consello Consultivo de Galicia, en sesión celebrada o día 13 de novembro emitiu ditame no que, ainda que se declara “incompetente” para pronunciarse sobre o asunto, advirte que “en definitiva, circunscrito o expediente analizado a un suposto de resolución contractual por mutuo acordo instado polo contratista, e existindo razóns que a xuízo da Administración, fan necesaria ou conveniente a permanencia do contrato, esta soa circunstancia abonda para denegar a solicitude daquel, unha vez debidamente tramitada, sen que para tal suposto proceda o sometemento da cuestión ao ditame deste Consello Consultivo”.
Convenios co Ateneo e o Liceo
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura de dous convenios de colaboración co Ateneo e o Liceo cos que o Concello de Ourense dará apoio á realización de actividades culturais por parte destes entidades na cidade. O Concello destinará 6.000 euros a cada un destes convenios.











