Ourense aproba o convenio coa Federación de ANPAs para dispoñer de servizo de comedor
O Concello de Ourense dará un ano máis apoio ás familias ourensás para acceder ao servizo de comedor escolar nos centros de Educación Infantil e Primaria onde a Xunta de Galicia non presta este servizo.
Con esta finalidade, a Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza desta mañá o convenio de colaboración entre o Concello e a Federación de Asociacións de Nais e Pais de centros públicos.
Con este convenio, o Concello destinará unha achega de 87.866,42 euros que subvencionarán a prestación do servizo de comedor escolar nos colexios públicos da cidade de Educación Infantil e Primaria onde son as propias asociacións de nais e pais as que teñen que prestar este servizo, fundamental para a conciliación da vida familiar e laboral, ao non prestalo a Xunta de Galicia.
Beneficiaranse deste convenio os alumnos dos colexios Curros Enríquez, Os Rosais, O Couto, Greco, Irmáns Villar, Prácticas (Anexa), Inmaculada e Vistahermosa. O convenio tamén dará apoio ao servizo que a ANPA do colexio da Ponte presta á denominada “segunda quenda” de usuarios do comedor escolar. Neste centro existe un servizo de comedor que presta a Xunta de Galicia, pero a súa ampliación, cun segundo grupo de usuarios, é a xestionada pola asociación de nais e pais.
Con este convenio, “queremos axudar ás familias ourensáns para que podan acceder a un servizo como é o de comedor escolar tan necesario para a conciliación da vida familiar e laboral”, sinalou a concelleira de Educación, Ana Garrido, que indica que o convenio aprobado hoxe é tamén “un recoñecemento ao traballo que realizan as ANPAS que xestionan os comedores escolares pola falta de vontade política da Xunta de Galicia de asumir un só comedor escolar máis”.
Axudas ás familias con escasos recursos económicos
A maiores deste convenio, o Concello de Ourense, neste caso a través da Concellería de Benestar Social dá apoio tamén ás familias ourensás con escasos recursos económicos a acceder aos servizos de comedor escolar e libros, cunha achega total de 358.000 euros.
Estas axudas, aprobadas o pasado día 26 de setembro pola Xunta de Goberno Local, darán apoio a 801 nenos e nenas ourensáns para o curso 2013-2014.
Por unha banda, 516 escolares recibirán axudas para acceder ao servizo de comedor (285 axudas a alumnos de centros públicos e 231 a centros concertados), ás que o Concello destinará 326.620 euros. E 285 nenos e nenas recibirán axudas para adquisición de libros, cunha aportación de 31.685 euros.











