Os viños do Ribeiro harmonizarán os pratos das xornadas gastronómicas de Ponte Vella
O C.R.D.O. Ribeiro, representado polo seu director técnico, Pablo Vidal, levará a cabo unha cata-harmonías esta tarde nas VI Xornadas Gastronómicas que se están a desenvolver no Centro Comercial Ponte Vella de Ourense. O cociñeiro encargado da realización dos pratos que harmonizarán cos viños da D.O. Ribeiro será Diego López, xefe de cociña do restaurante La Molinera de Lalín.
O cociñeiro de prestixio nacional, Diego López, preparará en directo, a partir das 18.00 horas no andar baixo do centro comercial, un total de tres manxares, como o son Moluscos, lima e limón, que consta dunha selección de moluscos abertos ao vapor acompañados dun suave pilpil a base de limón, lima e herbas frescas. Seguidamente preparará unha Ensalada de galiña de Mos estufada, e para finalizar cociñará un Dim Sum de cocido de Lalín, que consiste nunha empanadilla ao vapor rechea dos ingredientes do cocido, servida sobre crema de garavanzo. Pablo Vidal harmonizará con diferentes viños da D.O. Ribeiro cada un dos diferentes pratos, desde un viño branco xoven da colleita de 2012, outro branco da colleita 2011 e un tinto do 2011.











