Os vilagarciáns do curso de cultivo agrícola e horticultura fan prácticas no invernadoiro de Cáritas
Os vintecinco alumnos e alumnas do curso de Cultivo Agrícola e horticultura organizado pola Concellería de Xuventude desprazaranse mañá a Sobradelo para realizar unha sesión práctica no invernadoiro da Casa de Acollida de Cáritas. Acompañados polo monitor do curso, os alumnos centrarán parte da mañá en familiarizarse coas técnicas de cultivo e coidado de repolos e tomateiras. A clase práctica desenvolverase entre as 10:30 e as 12:30 horas.
O curso de Cultivo agrícola e horticultura organizado pola concellería que dirixe Sandra García iniciouse o pasado 4 de outubro e dende entón, as clases teóricas no Auditorio combínanse con sesións prácticas. A de mañá lévase a cabo despois doutras saídas que levaron aos alumnos ata lugares como a cooperativa Horsal, onde o xerente lles ofreceu unha charla sobre o cultivo e venta dos produtos agrícolas e visitaron as instalacións nas que tamén se envasan os diferentes produtos da horta que venden os cooperativistas do Salnés. Para ampliar coñecementos, tamén se desprazaron a un viveiro de plantas da zona para coñecer algunhas plantas, os coidados que se lle deben prestar e coñecer algúns sistemas de rego. Outra das visitas foi ao mercado de Vilagarcía para ver outros sistemas de comercialización de produtos da horta, flores e plantas ornamentais.











