Os vilagarciáns concentraranse nas rúas con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero
O luns, 25 de novembro é o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Con motivo desta reivindicativa data, a Área de Igualdade do Concello convoca aos vilagarciáns a participar na concentración convocada para as 12 do mediodía fronte ao Concello para amosar a repulsa social aos maltratadores físicos e psicolóxicos e para facer visible o respaldo ás vítimas.
No acto participarán as persoas que integran o Consello Local da Muller e autoridades locais e nel procederase á lectura do manifesto elaborado polo órgano sectorial e que se aprobou por unanimidade do Pleno do mes de outubro. A nota musical a porá un dúo de vento composto por dúas mestras da Escola Municipal de Música.
“Cambia o conto”
Tamén con motivo do 25N e co obxecto de continuar informando e sensibilizando á poboación sobre a lacra da violencia de xénero, a Área de Igualdade que dirixe Ángeles Rodríguez, porá en marcha a vindeira semana unha nova campaña. A iniciativa oriéntase este ano ao colectivo de mulleres que, mediante o reparto de carteis e folletos, recibirán información sobre as canles ás que poden recorrer no caso de ser vítimas ou saber dalgún caso de malostratos. A través destes medios tamén se pretende trasladar a idea de que se pode saír deste tipo de situacións, de que as vítimas poden contar con axuda de servizos e medios especializados para buscar unha solución, e de que poden recompoñer as súas vidas sen medo, vergoña ou e sen ter que agocharse.
Esta é a idea que se pretende trasladar na imaxe da campaña, na que baixo o lema de “Cambia o conto”, vense en primeiro plano uns monicreques dun gran lobo feroz ameazando a Carrapuchiña Vermella. As sombras sombras das personaxes proxéctanse nun segundo plano no que a situación cambia ao facerse grande a silueta da nena, provocando que o lobo pareza máis pequeno e abandone a actitude agresiva.
A Área de Igualdade ten previsto iniciar a distribución do material o vindeiro luns, coincidindo coa celebración do 25N.











