Os veciños de San Pablo-Catabois coñecen as obras de mellora no cemiterio municipal de mans do rexedor ferrolán
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, mantivo hoxe un encontro de traballo coa Asociación Veciñal de San Pablo-Catabois e percorreu as rúas do barrio co obxectivo de comprobar sobre o terreo os traballos de mellora e mantemento acometidos estes días polo Concello de Ferrol ao abeiro da segunda fase do Plan de Barrios. O concelleiro de Servizos e Medio Ambiente e a edil para San Pablo-Catabois, Borja Carro Muñoz e Verónica Casal Míguez, participaron nesta visita, ademais dos supervisores dos servizos municipais.
Rey Varela detallou as tarefas de limpeza, sinalización, mantemento de parques e xardíns, iluminación, e de servizo de abastecemento levados a cabo de maneira intensa en San Pablo-Catabois. Estes traballos suman unha valoración económica de aproximadamente 24.000 euros, e os máis salientables son:
– Reforzo do lavado, baldeo e roce de todo o barrio; con reparación e colocación de suxeita – colectores; e eliminación dun vertedoiro incontrolado na esquina da rúa Carballo co Camiño do Paredón.
– Pintado de máis de 350 metros lineais de liñas continuas e discontinuas; de 2 stops e outros tantos cedas e frechas de dirección; de 6 pasos de peóns e de 19 prazas de aparcamento. Ademais, colocación de 3 sinais verticais.
– Limpeza de columnas de iluminación, e reparación de cables, difusores e dunha tapa de arqueta.
– Reparación de fuga de auga en Camiño das Brañas; e revisión de válvulas e arquetas en todo o barrio.
– Limpeza, revisión, reparación e subministro de pezas para os parques infantil e biosaudable.
Ademais, o alcalde informou á xunta veciñal de San Pablo-Catabois dos traballos de mellora que a Concellería de Servizos e Medio Ambiente está a acometer no cemiterio municipal para dotalo de novos aseos. A estas obras, que se están executando na actualidade, hai que engadir as previstas en 2014 e que están recollidas no Presuposto Xeral do Concello de Ferrol para o vindeiro exercicio. Trátase de actuacións de mellora do camposanto municipal que ascenden a 177.600 euros e coas que o Goberno Municipal quere poñer fin á falta de mantemento que durante anos vén sufrindo estas instalacións municipais. Así, a intervención no cemiterio municipal consistirá en: demolición de cubrición de placas; reparación da estrutura consistente no saneado e limpeza do formigón e das armaduras; reparación das viguetas deterioradas por falta de recubrimento de formigón, reforzo con fibra de carbono onde exista perda de sección de armadura, nova cuberta para a arcada, reparación de fendas e pintado da arcada principal, da arcada da zona de baños, da zona de Conserxería e da capela.
Melloras no Centro Cívico do barrio
Ademais destas intervencións, o alcalde coñeceu o novo equipamento con que o Concello de Ferrol vén de dotar o Centro Cívico e Social de San Pablo-Catabois, que agora dispón de equipo de son, pantalla e proxector. “Unhas melloras que xunto coa programación das Concellerías de Cultura e Igualdade están dinamizando este centro cívico”, dixo Rey Varela. “Este é o traballo que debe centrar tamén os esforzos do Goberno Municipal, dinamizar os barrios e mantelo limpo”, concluíu.











