Os últimos datos do padrón municipal indican que Ames continúa medrando en poboación e alcanza os 30.040 habitantes
O concello de Ames continúa medrando pese á crise demográfica que afecta á maioría dos municipios galegos e supera xa os 30.000 habitantes. Deste xeito, e tendo en conta os datos provisionais que manexa o padrón municipal, a día de hoxe o municipio conta con 30.040 habitantes. Segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE), Ames contaba a finais de 2012 cun total de 29.708 habitantes, o que supón que en só once meses sumou arredor de 350 habitantes máis.
Deste xeito, o municipio supera os 30.000 habitantes e segue sendo un dos que máis medra da comunidade galega, contando ademais cunha alta porcentaxe de poboación nova. A día de hoxe, residen en Bertamiráns e no Milladoiro 20.260 persoas. Analizando os datos por localidades, Milladoiro segue á cabeza con 12.217 habitantes censados. Mentres, en Bertamiráns están censadas 8.043 persoas. Os 9.780 habitantes restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do municipio. En canto a sexos, pódese dicir que en Ames hai unha certa paridade. En total, hai censados 14.545 homes, mentres que o número de mulleres ascende a 15.495.
Nas últimas décadas, Ames situouse como un dos concellos galegos máis puxantes, gañando preto de 17.000 habitantes desde 1996. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE), hai dez anos, en xaneiro de 2003, o número de habitantes en Ames ascendía a 20.016. Nunha década esta cifra incrementouse en máis de 10.000 persoas, o que supón unha boa mostra da rápida progresión demográfica experimentada no municipio amiense.
O alcalde de Ames fai fincapé na importancia de que Ames siga crecendo ano a ano, rexistrando novas incorporacións no padrón municipal pese á actual crise demográfica. Santiago Amor destaca que “non se trata dun éxito do Goberno actual, senón que é froito do traballo e das políticas desenvolvidas polos meus predecesores”. O rexedor considera que este incremento demográfico constante debe levar aparellado un maior apoio das diferentes institucións co obxectivo de mellorar os servizos que se ofrecen á poboación.











