Os traballos no campo de San Tomé de Marín ascenderán a 676.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPontevedra
A-
A+

Os clubs de Marín disporán dun novo campo de herba sintética, despois do convenio asinado esta mañá entre o presidente da Deputación, Rafael Louzán; a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os presidentes da Comunidade de Montes de San Tomé e da Agrupación Deportiva San Tomé, Daniel Rosales e José Cidrás, respectivamente.

Ó abeiro deste acordo a Deputación dotará de herba artificial o campo de San Tomé de Piñeiro, cun investimento de 675.992 €, dos cales a Deputación de Pontevedra achegará o 75% (506.994 €) e o Concello de Marín o 25% restante (168.998 €).

No acto de sinatura do acordo tanto Rafael Louzán coma María Ramallo agradeceron a colaboración da Comunidade de Montes, que lle proporcionará á Deputación os terreos necesarios para a obra.

Os traballos incluirán a dotación de céspede artificial pero tamén a colocación da iluminación, a construción de bancadas e novos vestiarios, así como outro material necesario para a dotación completa do campo (marcadores electrónicos, xogos de porterías…).

Carencia de infraestruturas

Rafael Louzán fixo fincapé na necesidade de levar a cabo estes traballos dada a “carencia de infraestruturas deportivas” que na actualidade presenta Marín.

Indicou que, unha vez renovado o campo, “vai dar cobertura e cabida a moitos clubs que agora non teñen onde adestrar”, non só porque “agora ninguén quere adestrar en campos de terra” senón porque “ademais, en Marín tampouco hai campos de terra”.

Ata o de agora o único campo de céspede artificial que posúe o concello de Marín é o de San Pedro, que, a xuízo de Louzán, “ten unhas condicións mellorables”.

Salientou que dotar “Marín dunha nova instalación é imprescindible” porque se trata do quinto concello con máis poboación da provincia e porque “en canto a instalacións deportivas ten moitas carencias”.

A modo de exemplo indicou que, con só 6.000 habitantes, o veciño concello de Vilaboa vai contar con tres campos de herba artificial, mentres que en Marín só hai un nestes momentos.

O presidente da Deputación anunciou que, se todo vai segundo o previsto, os traballos estarán rematados para o inicio da vindeira temporada futbolística 2014-2015.

Obras de asfaltado

Tras a sinatura do convenio Louzán e a rexedora marinense visitaron tamén os traballos de asfaltado que a Deputación de Pontevedra está a realizar en varias rúas do núcleo urbano de Marín.

Estase actuando, concretamente, nas rúas Pitanxe, A Costiña,  Laxe, Cerrajal, Souto e Fenteira. En todos os casos a maquinaria da Deputación está a dotar as rúas dunha nova capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente e rego de adherencia. O orzamento destes traballos supera os 50.000 euros.

13 de novembro de 2013 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.