Os traballos de reparación da cuberta do local da Asociación de Veciños de Santa Icía ascenderon a 30.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe o barrio de Santa Icía para supervisar xunto cos representantes veciñais da zona as actuacións acometidas estes días polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello de Ferrol. Estas intervencións forman parte da segunda fase do Plan de Barrios, programa posto en marcha polo Goberno Municipal e que permite intensificar de maneira coordinada a actividade dos diferentes servizos municipais para responden ás peticións veciñais de cada un dos barrios da cidade. Así mesmo, o Plan de Barrios tamén facilita a comunicación directa e fluída do rexedor e dos supervisores dos servizos municipais cos propios veciños para coñecer de primeira man as necesidades de cada barrio ou parroquia de Ferrol.

Así, o primeiro edil acudiu a este encontro de traballo cos representantes da Asociación de Veciños de Santa Icía acompañado polos concelleiros de Servizos e Medio Ambiente e Zona Rural, Borja Carro Muñoz e Jose Polo Veiga, respectivamente. Ademais de repasar as tarefas de mellora e conservación feitas en Santa Icía durante estes días ao abeiro do Plan de Barrios,  Rey Varela comprobou in situ as tarefas de reparación da cuberta do local social de Santa Icía, que nestes momentos se están a executar por un importe total de 30.682,78 euros. Esta intervención correspóndese cunha das demandas expostas pola directiva veciñal ao rexedor ferrolán durante a primeira fase do Plan de Barrios, e que se está a cumprir arestora.

Ademais, o primeiro edil da cidade tomou nota das novas demandas da Asociación Veciñal, que pasan, de maneira prioritaria polo arranxo das beirarrúas de acceso ao Hospital Arquitecto Marcide e por asfaltar por completo o viario O Pico-Leixa, actuación esta última que se levará a cabo con cargo aos orzamentos municipais de 2014, en vías de aprobación.

Actuacións da segunda fase

No que atinxe aos traballos dos servizos municipais e empresas que traballan para a Administración ferrolá en Santa Icía durante estes días, Rey Varela apuntou que a valoración dos mesmos ascende a máis de 60.000 euros –incluído neste montante o custe do arranxo da cuberta do local social-. Entre as máis destacadas, están:

– Un total de 36 treitos de reparación de beirarrúas na estrada de Santa Icía e 33 actuacións de aglomerado no camiño da Pega.

– Roce e Chapeo en todo o barrio, con especial atención á estrada de Pallota, zona da residencia, zona do local social, parque de Santa Icía e solares anexos ao local social.

– Limpeza e lavado de papeleiras e contedores, así como a reparación dos mesmos.

– Colocación de 3 espellos.

– Limpeza de 45 columnas e substitución de sete difusores.

– Mantemento correctivo e preventivo e control de calidade do servizo de abastecemento de auga.

– Reforzo no mantemento de zonas verdes, limpeza de todas as follas do parque de Bruquetas.

– Un total de 10.170 metros cadrados de superficie e 42 metros cadrados de limpeza de alcorques. Ademais do roce, recollida de residuos verdes e limpeza da zona verde do río Inxerto.

– Revisión do funcionamento e estado dos xogos no Parque Infantil Santa Icía.

22 de novembro de 2013 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.